"Adoptar a Leo foi o destino"

Un 'fío vermello' en Poio ▶ Leo, o can que protagonizou o vídeo promocional do Concello de Poio en Fitur xunto á veciña de Samieira Silvia Ramírez, foi adoptado pola súa compañeira de rodaxe xunto á súa irmá canina Onza, vencendo o estigma da idade e dos PPP
Silvia Ramírez, xunto ao seu marido, o seu fillo, Leo e Onza, o día da súa adopción. DP
photo_camera Silvia Ramírez, xunto ao seu marido, o seu fillo, Leo e Onza, o día da súa adopción. DP

Silvia Ramírez sempre soubo que o seu futuro estaba en Poio. Despois de vivir uns cinco anos na Coruña, a pandemia trouxo consigo o impulso que precisaba para regresar ao seu lugar de nacemento, en Samieira, preto da familia e da paisaxe que a viu medrar. "Ata que regresei a Poio non volvín ser feliz, volvín estar completa", asegura.

Leo, un dos cans máis veteranos da canceira de Poio, chegara ao lugar había máis de dous anos acompañado da súa irmá Onza despois de que o atoparan na Escusa, con 20 quilos de menos e a mandíbula rota, sen dentes. "Os dous estaban moi maltratados e na canceira cren que os utilizaban para a cría", conta Silvia. Catalogados como de raza potencialmente perigosa, o seu aspecto, especialmente o de Leo, un can de grandes dimensións, non se corresponde, nin moito menos, coa docilidade do seu carácter.

Silvia e Leo, nun fotograma do vídeo promocional do Concello. DP
Silvia e Leo, nun fotograma do vídeo promocional do Concello. DP

Os camiños de Silvia e Leo xuntáronse grazas a unha desas casualidades da vida. Ela, actriz amateur, era a protagonista do vídeo promocional do Concello de Poio na súa primeira participación na Feira Internacional de Turismo Fitur 2024, e que se converteu nun dos principais focos de atención no stand de Turismo de Galicia durante a inauguración da feira, cando se proxectou o vídeo que resultou ser pouco menos ca unha profecía.

Baseado na lenda oriental do fío vermello do destino, que conecta a aqueles que están destinados a atoparse na vida, lanzaba unha pregunta: "E se un día atopas o teu destino?". Así, percorría lugares emblemáticos de Poio desde a mirada dunha visitante á que representaba Silvia quen, no seu traxecto, acababa chegando á Illa de Tambo para descubrir que o seu destino era nada menos que Poio, representado por Leo, un can que se atopaba en adopción na canceira, e que foi o segundo protagonista do vídeo. "A primeira vez que o vin, na rodaxe do vídeo, tan grande, impoñíame un pouco. Tiña que darlle unha chuche para gravar o plano no que el corre cara min. Pero cando comecei a interactuar con el xa me din conta de que era moi bo", lembra.

A idea de adoptar a Leo comezou a roldarlle a cabeza. "A verdade é que cando gravei o vídeo xa quería, pero Leo é moi maior e nós temos un neno de 6 anos, dábanos moita pena que Leo durase pouco e que se tivese que despedir del tan pronto", admite. Sen embargo, pasadas unhas semanas, tomaron a decisión. "Era moito máis grande a pena que me supoñía pensar que quizais morrera só na canceira. Estiven sentindo isto durante unha semana e media e fomos pasear a Leo algúns sábados e Patri e Elisa, da canceira, viñeron entrevistarnos. Convencéronnos de que adoptaramos tamén a Onza porque, aínda que non se sabe se realmente os dous cans son irmáns de sangue, o certo é que son inseparables. Onza parece máis maior, e chegaron haberá seis ou sete anos á canceira. O meu fillo namorouse de Onza rapidamente", explica, asegurando que "adoptar a Leo foi o destino, non conseguía estar ben sen el e agora a miña vida está completa, formamos unha gran familia".

 

A pesar da súa idade avanzada, con máis de 13 anos, Leo puido volver comezar na casa de Silvia e do seu marido Wallace, xunto ao fillo da parella e a súa irmá canina Onza. Foi o pasado xoves cando todos se volveron reunir nun sinxelo e emotivo acto no que participaron os concelleiros de Medio Ambiente, Manuel Domínguez, e de Turismo, Rocío Cochón, e a traballadora da canceira, Aránzazu Dadín, un equipo que, xunto, fixo posible que ambos os dous cans puideran ter unha segunda oportunidade, asesorando á familia de Silvia en todo momento sobre os diferentes trámites, e coa axilización do procedemento de adopción por parte do Concello.

Pola súa parte, Domínguez pediu á veciñanza que "veña pasear os cans e non dubide en adoptar", mentres que, expresou Dadín, estes "eran cans que o pasaran mal e parecían predestinado a non ter unha oportunidade, pero pasou algo máxico". Neste sentido, Cochón sentiuse "profundamente orgullosa de poder poñer un broche de ouro como este a unha historia moi fermosa, que comezou falando de destinos entrelazados que se atopan", e agradeceu á familia que "nos amosara que ese fío invisible existe na vida real e dá momentos marabillosos coma este".

Comentarios