Adxudicadas por 385.000 euros as obras de mellora das rúas do Adro e Porteliña

As actuacións centraranse na humanización e rehabilitación dunha zona moi degradada
plataformaunicaOADRO
photo_camera O edil de Urbanismo no vial que recibirá a principal reforma. D. P.

Xunta de Goberno de Poio vén de adxudicar a renovación da contorna da Rúa do Adro e da Porteliña. Trátase de dúas actuacións impulsadas polo responsable de Promoción Económica e Urbanismo cun investimento de 385.000 euros.

O primeiro lote será executado pola empresa Narom, mentres que o segundo levarao a cabo Movimiento de Áridos y Construcciones Arosa. As actuacións centraranse na humanización e rehabilitación dunha zona moi degradada con mellora do pavimento, á adaptación de rasantes e a eliminación de barreiras arquitectónicas. Apostarase, asemade, polo uso de novos materiais totalmente respectuosos coa contorna, ao tempo que se lle dará prioridade ao tránsito peonil e a unha maior seguridade viaria.

Para levar a cabo estas obras será necesario proceder á demolición do firme actual e da beirarrúa dotando a zona de plataforma única.  Os servizos básicos tamén serán renovados e instalados naqueles puntos onde non os hai.

Agís contempla que os traballos dean comezo antes de que remate o ano e salienta a importancia dunas obras que "darán un novo aspecto e garantirán moita máis calidade de vida para as numerosas persoas que viven nas proximidades". Os proxectos fináncianse a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, correspondentes ás convocatorias dos anos 2021 e 2022. 

Comentarios