Agís acudirá ao Goberno central para desbloquear o polígono de Fragamoreira

A Concellería de Urbanismo e Promoción Económica de Poio pretende aplicar unha intervención similar á do saneamento en Raxó e Samieira
Parcelas dentro do ámbito do polígono. DP
photo_camera Parcelas dentro do ámbito do polígono. DP

Arredor de 18 anos despois de que o proxecto saíra á luz, o polígono de Fragamoreira podería estar preto de obter unha saída ao actual bloqueo, que mantén a maior parte das parcelas do ámbito que estaba destinado ao prantexamento en pleno estado de abandono.

E é que, tal e como explicou a este xornal o edil de Promoción Económica e Urbanismo de Poio, Gregorio Agís, traballa dende hai tempo a través do departamento que dirixe para buscar unha solución polo que, ademais do respaldo xa anunciado por parte de Zona Franca, pedirá a implicación do Goberno central, a través dunha metodoloxía similar á que permitiu "que o Estado desbloquease a solución do problema do saneamento en Raxó e Samieira".

Neste sentido, Agís ve posibilidades de reactivar a tramitación do polígono a través de diferentes mecanismos, "sen contar coa Administración autonómica", e reiterou que o polígono da Fragamoreira continúa a ser "unha necesidade e unha demanda histórica para o crecemento e a xeración de riqueza en Poio e que permanece bloqueado pola inacción da Xunta e as trabas que desde o primeiro momento puxo o PP local, con Ángel Moldes á cabeza", valorou.

No que respecta ao saneamento en Raxó e Samieira, asegurou, "foi outro proxecto con competencias da Xunta que sacamos cara adiante grazas á implicación do Goberno de España e a pesar das trabas do señor Moldes", polo que a fórmula de implicar ao Goberno central podería ter o mesmo resultado no caso do polígono, que no PXOM de Poio contempla máis de 200.000 metros cadrados para actividade industrial e comercio. Isto, valorou o edil de Promoción Económica e Urbanismo, suporía "un paso decisivo para consolidar aínda máis o crecemento económico e social de Poio".

Actualmente, a Administración autonómica, a través de Xestión do Solo de Galicia (Xestur), conta coa propiedade da maioría das parcelas incluídas no proxecto, como entidade responsable de proxectar o polígono, que estaba incluído na folla de ruta do bipartito (2005-2009), e que quedaría paralizado a raíz da creación dunha plataforma veciñal encabezada polo PP de Poio, e co cambio de Goberno da Xunta en 2009. A creación desta infraestrutura, suporía, segundo Agís, "un paso decisivo para consolidar aínda máis o crecemento económico e social de Poio".

O edil poiense sinalou como culpable da situación de inacción actual ao PP, "coa complicidade do señor Moldes, que fai que carezamos dun solo industrial que limita notablemente o desenvolvemento e creación de emprego. É moi grave que nos atopemos nesta situación de parálise, defendida polo voceiro do PP local", dixo. Así, a Concellería que dirixe dará pasos no sucesivo para relanzar un proxecto que, para Agís, "é unha necesidade e unha demanda histórica para o crecemento e a xeración de riqueza en Poio e que permanece bloqueado pola inacción da Xunta e as trabas que desde o primeiro momento puxo o PP local", opinou.

Plataforma veciñal e discusión sobre os prezos
Dende que o proxecto para impulsar un polígono en Fragamoreira se puxo en coñecemento dos veciños afectados, hai xa case dúas décadas, os prezos ofertados para adquirir as parcelas que entraban dentro do ámbito foron amplamente cuestionados.

Foi por isto que moitos dos propietarios negáronse a vender, adscribíndose á plataforma impulsada polo PP local, presidida por Ángel Moldes, con Rocío Cochón como secretaria, a quenes Agís acusou de "torpedear o proxecto". En 2009 quedaba definitivamente paralizado coa entrada do PP na Xunta, ata o punto de que hoxe en día, na extensión de terreo prantexada conviven parcelas propiedade de Xestur, con parcelas de particulares que non foron vendidas no seu momento, e coa plataforma veciñal xa extinta.

Comentarios