Agís sobre a PO-308: "É imposible utilizar o transporte público en Poio"

Paloma Castro leva este xoves ao Parlamento unha iniciativa para a mellora da seguridade viaria na estrada
Agís e Castro na PO-308, ao seu paso pola Seca. DP
photo_camera Agís e Castro na PO-308, ao seu paso pola Seca. DP

O "desbloqueo" dos proxectos vencellados á seguridade viaria na PO-308 ao seu paso por Poio chegan este xoves ao Parlamento a través dunha iniciativa da man da viceportavoz do Grupo Socialista, Paloma Castro, que se reuniu en A Seca (Poio) co voceiro municipal e edil de Urbanismo, Gregorio Agís. Pola súa banda, Agís salientou deficiencias na usabilidade do transporte público ao seu paso por esta vía de titularidade autonómica e que vertebra o municipio. Neste sentido demandou "melloras que contribuirían á seguridade do propio vial e a retirar tráfico da estrada. O servizo de transporte público ao seu paso por Poio e en toda esta estrada é realmente lamentable . É imposible utilizalo porque os ratios que ten de paso son tremendamente limitados", valorou.

O voceiro municipal pediu tamén un pulo á mellora dos tramos Covelo-Chancelas e Combarro-Fontenla e a celeridade no acordo proposto recentemente por parte do Concello á Xunta para a remodelación do entorno de A Barca, Andurique e Porteliña. "O Concello faría unha aportación económica pero entendemos que é competencia da Xunta, polo que temos que abordar canto antes estas necesidades". Así, o Concello agarda unha reunión coa Axencia Galega de Infraestruturas para "tratar estes temas que son tan urxentes". Castro comprometeuse a "poñerlle deberes á Xunta para que cumpra co seu compromiso nunha das estradas máis transitadas e con máis risco do noso país". 

Reclaman a recuperación de Cotorredondo
A parlamentaria socialista Leticia Gallego presentou onte en Vilaboa unha iniciativa para reclamarlle á Xunta un proxecto de recuperación do miradoiro do Parque Natural de Cotorredondo e o contorno do Lago Castiñeiras. Gallego reuniuse este mércores co alcalde, César Poza, para confirmar o "total abandono" do enclave e instou á Xunta a "rectificar o seu veto" ás emendas presentadas polos socialistas galegos no debate dos Orzamentos. A actuación pasaría por acondicionar os accesos, mellorar a instalación dos valados e a posta en valor do Parque Natural co obxectivo de "convertelo nun lugar turístico e referente en educación ambiental".
O enclave conta con 70 hectáreas de superficie repoboadas con diversas especies e constitúe unha importante área de refuxio e reprodución de especies de animais salvaxes. Actualmente, explicou, os convenios de cesión de uso coas comunidades de montes de Vilaboa e Santa Cristina están caducados.

Comentarios