Agís: "O proxecto da PO-308 está asinado en decembro de 2021, non en 2020"

O edil de Urbanismo saíu ao paso das críticas do PP tras a polémica xerada pola "eliminación de 170 estacionamentos" entre Pinela e Padrón
undefined
photo_camera Mapa do proxecto asinado de decembro de 2021. DP

O edil de Urbanismo e Promoción Económica de Poio, Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), saíu este domingo ao paso das duras críticas verquidas polo Partido Popular sobre o proxecto de reforma da PO-308, para acusar, á súa vez, á edil 'popular' Rocío Cochón de que "minte descaradamente cando afirma que o Concello tiña coñecemento da supresión dos aparcadoiros na recta da Pinela desde decembro de 2020, cando o proxecto está asinado e datado en decembro de 2021, é dicir, hai poucos meses, cando a Consellería de Infraestruturas decidiu modificalo e suprimir eses estacionamentos ás agochadas", manifestou. Como proba, ademais, Agís fixo públicos diferentes documentos e mapas do proxecto coa última data de emisión.

O proxecto inicial, lembrou o edil, someteuse a exposición pública en xullo de 2018 incluíndo os estacionamentos que veñen de xerar a controversia, dende Pinela ata O Padrón. Tras varias alegacións presentadas por parte da veciñanza e o Goberno local, dende a Comisión de Urbanismo, en setembro de 2019 este compleméntase con outro proxecto para mellorar as interseccións, permanecendo aínda no proxecto ditos estacionamentos, e en xuño de 2021 o DOG publica a aprobación. Segundo Agís, é en decembro de 2021 cando "modifican o proxecto suprimindo máis de 700 metros lineais de estacionamento dende Pinela ata O Padrón", presentándoo en marzo deste ano ¿"sen aludir á modificación".

"O xardín ridículo non xustifica eliminar 170 estacionamentos nun entorno onde son tan necesarios", valorou Agís, quen acusou ao PP de "poñerse do lado contrario dos intereses da veciñanza". "Resulta irónico que Cochón fale de teatrillos sendo a concelleira dun partido que utiliza contas 'fake'", dixo.

Comentarios