Aguasantas volve ser pasto das lapas con 65 hectáreas calcinadas

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, amosouse convencido de que "o lume foi provocado"  Trátase do incendio máis grande do verán no concello
O lume chegou preto das casas en Augasantas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera O lume chegou preto das casas en Augasantas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Un incendio forestal que se declarou na madrugada do luns na parroquia de Aguasantas, no concello de Cerdedo-Cotobade, arrasou un total de 65 hectáreas, segundo as primeiras estimacións da Consellería de Medio Rural. O lume, que se iniciou cara as 1.44 horas, non puido ser estabilizado ata o mediodía, arredor das 12.45 horas, polo que estivo ardendo de xeito descontrolado unhas 10 horas en total e permanecía activo ao peche desta edición.

Tal e como indicou o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, a parroquia de Aguasantas, unha zona "nada conflictiva", rexistrou o último incendio forestal hai tres anos, nun concello especialmente castigado polo lume, que este ano volveu ser un importante foco. "Levan todo o verán tentando facer unha desfeita no noso territorio. Estiveron dous días consecutivos provocando ata dez lumes seguidos na zona de Tenorio, Viascón, Almofrei e incluso Carballedo, pero contivéronse a tempo, sen que ningún superara as dúas hectáreas ardidas, ao provocalos no serán", denunciou.

No caso de Aguasantas, Cubela non dubidou en que se trata tamén dun lume "provocado", ao iniciarse en plena madrugada, coas temperaturas en descenso, e nunha zona elevada. "Foi provocado en plena noite para causar máis dano, posto que sen luz natural non se poden empregar os medios aéreos", valorou.

O incendio, que resultou ser o de maiores dimensións do verán no concello, produciuse xusto na véspera da noite das festas da parroquia de Aguasantas e chegou a situarse moi preto das casas, aínda que sen ter que chegar a desaloxar. "Hai catro anos si houbo que facelo, pero esta vez non houbo que tomar unha decisión dese calibre, a pesar de que cando nos avisaron de que estaba cerca o medo era moi grande", explicou Cubela.

OUBIÑA CERDEDO-COTOBADE Incendio Forestal AguaSanta

INTERVENCIÓN. No control do incendio traballaron durante a xornada de onte un técnico, oito axentes, 21 brigadas, 19 motobombas, dúas pas, seis avións e tres helicópteros. Os medios aéreos puideron incorporarse ao efectivo nas primeiras horas do día, algo que facilitou o control do incendio. No operativo, ademáis dos efectivos de Medio Rural, tamén participou a agrupación de Protección Civil e traballadores do propio Concello de Cerdedo-Cotobade. Medio rural estimou na tarde de onte que, das 65 hectáreas calcinadas contabilizadas ata o momento, 20 son de arborado e 45 de monte raso.

Cubela denunciou que Cerdedo-Cotobade é un dos municipios "máis castigados da provincia e de Galicia", e apelou a que "os veciños colaboren e faciliten información ao Concello, á Garda Civil e aos equipos de investigación".

O alcalde explicou que o Concello, pola súa parte, está «aumentando as franxas de protección e subscribindo todos os convenios que están ao noso alcance coa administración autonómica» pero, admitiu, "non chega, a man destes incendiarios e terroristas é moi longa".

Un incendio arrasa unhas 20 hectáreas en Cuntis
O Concello de Cuntis foi tamén este lunes escenario dun incendio forestal. A Consellería de Medio Rural recibiu o aviso ás 16.23 horas de onte, alertando de que as lapas comezaban a devorar o monte no lugar de Castro Sebil, na parroquia de Cequeril.

A última hora da tarde o incendio seguía activo, mais segundo as estimacións da Consellería de Medio Rural, a superficie calcinada non superaba as 20 hectáreas. 

Para a extinción do lume foron mobilizados dous axentes, dez brigadas, seis motobombas e dúas palas. En canto aos medios aéreos, ao longo da tarde estiveron traballando no lugar seis avións e cinco helicópteros

Comentarios