Agustín Reguera, candidato do PP "A nova EDAR leva un ano e medio esperando por Costas"

Pouco máis de 30 votos deixaron ao BNG sen maioría en 2019, e, paradoxalmente, déronlla ao PP, deixando fóra ao PSOE. Co voto polarizado ao máximo repítese a partida na que Silvia Cernadas é o único factor novidoso
O candidato popular. GONZALO GARCÍA
photo_camera O candidato popular. GONZALO GARCÍA

En Soutomaior é tempo de cábalas. PP e BNG quedaron tan axustados nos anteriores comicios que é normal que todos pensen en se haberá un cambio. Cal é a súa?
O resultado será axustado, por suposto, pero son optimista. Non vexo peor ambiente que hai catro anos e a sensación que teño é que podemos revalidar a maioría. Pero nós temos en conta aos rivais, sobre todo ao BNG.

No 2019 o descalabro do PSOE deixou a soas ás dúas grandes marcas e houbo un bipartidismo real nos plenos. Como foi o mandato?
Foi tranquilo. Houbo manifestacións convocadas polo BNG pola Sanidade e eu comparto plenamente que en Soutomaior temos un problema real coa Sanidade. Estamos traballando para iso coa Xunta, porque non é competencia municipal. Non foron as decisións do Goberno local as que causaron a controversia no concello.

Puideron traballar nas súas áreas enseña? En cales se avanzou?
O primeiro tramo do mandato marcouno a pandemia, na que fixemos un bo labor, desde os maiores ata os nenos que precisaban que lles levaran os deberes á casa. A partir de aí, pasada a crise sanitaria, o obxectivo tivo que ser seguir axudando ás familias vulnerables. Despois estivemos traballando en infraestruturas importantes. Humanizamos o Multiusos, o campo da feira, o campo de San Benito... No deporte tamén actuamos como sempre, coas actividades e coas infraestruturas, construimos unha nova pista de pádel cuberta.

E de aí sairá parte do seu traballo se revalida como alcalde?
É prioritario e temos que sacar adiante a nova EDAR, que leva ano e medio pendente dun permiso de Costas. Se non fora por iso estaría xa en execución. E estamos coas expropiacións para o centro de saúde, que permitirá traer novos profesionais.

Leva 28 anos como alcalde, como se seguen ideando proxectos estrela? Ten moitos plans de futuro?
Temos cinco. Os máis avanzados son a EDAR e o Centro de Saúde. O seguinte sería o gran parque e xardín na parte traseira do Consistorio, converténdo o espazo nunha gran área verde. O cuarto sería ampliar as dotacións deportivas con área fitness para o pavillón, e por último, a rehabilitación do colexio de Oliveira. Será un centro cívico e social e viveiro de empresas. Eses son os cinco obxectivos, pero en primeiro lugar están as persoas: Servizos Sociais, Deporte, Xunventude e Muller.

Somos o segundo concello que máis creceu en Pontevedra. Un 40% nos últimos 20 anos. Non pode ser por casualidade"

O debate dos indicadores económicos de Soutomaior, ten sentido para vostede?
Non. Somos o segundo concello que máis creceu en Pontevedra. Un 40% nos últimos 20 anos. Non pode ser por casualidade. Non serve dicir que estamos entre Pontevedra e Vigo, porque tamén o están Vilaboa, Redondela e Ponte Sampaio e decrecen. O PIB per cápita é malo en Soutomaior? Pero é normal, se somos un concello no que hai tanta xente xoven. Nenos e nenas en cada familia. A renda per cápita realízase dividindo a renta familiar entre o número de membros. Se mira a renda familiar a cousa é diferente.

O asunto do IES sacoulle o sono?
Co IES están contentos pais e nais. Fíxose para os nenos de Soutomaior e, se ben vai pasar por un pico de tensión este ano próximo, atendendo á natalidade, só hai que ver as matrículas dos colexios nos seguintes anos para saber que será suficiente. Outra cousa é que en Vilaboa decidiran que este lles quedaba máis cerca e pidan praza. En todo caso só lle vexo cousas boas ao IES. Deulle vida e axudará a transformar a zona de equipamentos da Montesiña.