O alcalde de Cerdedo-Cotobade exponlle á conselleira de Economía e Industria as necesidades do municipio

O alcalde quixo coñecer as vías de apoio para o desenvolvemento de espazos industriais que ten a Xunta
Cubela pide Lorenzana
photo_camera O alcalde coa conselleira de Economía e Industria. D. P.

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro co alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, con quen avaliou as medidas do Plan de aceleración de proxectos industriais, que garante a tramitación en menos dun ano daquelas iniciativas empresariais con máis de 800.000 euros de investimento.

A Oficina Económica de Galicia ofrece servizos de asesoramento ás empresas, pero Lorenzana tamén lle explicou ao alcalde o programa de axudas da Xunta para polígonos industriais. Trátase dunha primeira liña para a mellora de infraestruturas, dotada de 3,5 millóns de euros; outra, en proceso de resolución, para a creación de viveiros industriais, con 1,5 millóns de orzamento; e, en terceiro lugar, para o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica dos parques empresariais, que conta cun crédito de 4,7 millóns de euros.

Lorenzana puxo en valor as funcións da nova Dirección xeral de Estratexia industrial e solo empresarial, que inclúe na planificación industrial e enerxética a capacidade, tamén, para xestionar o solo empresarial que existe en Galicia e desenvolvelo onde sexa necesario.