O alcalde César Poza asume as concellerías de Obras e Cultura

Vilaboa reparte as competencias do novo equipo de Goberno local tras a "decisión do BNG de abandonar a coalición"
2020082614210943700
photo_camera O alcalde, César Poza. J.L. OUBIÑA

O recentemente investido alcalde de Vilaboa, César Poza, anunciou durante a tarde de onte o novo reparto de competencias no Goberno local, unha reestructuración que Poza acomete tras "a decisión do BNG de abandonar o Goberno de coalición", na que o propio alcalde, asume as concellerías de Obras e Cultura en primeira persoa.

A nova distribución, asegura, responde tamén á "excepcionalidade" da situación debido á pandemia. "Sendo como é este un Gobernó de natureza e convencemento, unido e corresponsable, a distribución das competencias axústase ás necesidades e á realidade actual", sinalou Poza, que volveu tender a man a BNG e PP: "Insisto no que veño dicindo nestes días, na miña vontade de que o Concello de Vilaboa sexa un exemplo do que debe ser a política e que todos traballemos xuntos. Tódolos concelleiros teñen como prioridade propia, e subliñada por este alcalde, a escolla do diálogo coma o camiño principal e do ben común da veciñanza, como único destino obrigado. Acadar o equilibrio entre diálogo e capacidade resolutiva é o obxectivo dun equipo de gobernó cos ideais do PSdeG, pero con un único compromiso, Vilaboa", manifestou o alcalde.

ÁREAS. O alcalde, César Poza, ademais de coordinar todas as áreas de Goberno, levará en primeira persoa Cultura e Obras. Esta última coa intención de "licitar con premura" as actuación máis importantes para o Concello. No que respecta a área de Cultura, Poza ten como obxectivo impulsar accións a través dunha programación cultural "axeitada e diversa".

María Canosa Otero estará á fronte das concellerías de Servizos Sociais, Migración, Servizos e Ceminterios, mentres que José Manuel Piñeiro seguirá dirixindo as áreas de Urbanismo e Infraestructuras, e amplia as súas competencias coas parcelas de Aforro Enerxético e Medio ambiente.

María Dolores Cerqueiro levará agora as concellerías de Educación, Sanidade e Novas Tecnoloxías, e Brais Sánchez suma ás áreas de Deportes e Turismo a de Xuventude.

Carmen Gallego pasa a asumir as responsabilidades de Facenda, Igualdade, Promoción Económica e Sectores Produtivos e, ademais, tamén formará parte, xunto con María Dolores Cerqueiro, da Comisión de Facenda.

Pola súa banda, María Canosa e José Manuel Piñeiro formarán parte da Comisión Plenaria.

Comentarios