Aldeas de Nadal en Poio para ter unhas festas "con personalidade"

Instalaranse decorados nas parroquias que serán inaugurados o 2 de decembro
                      Unha simulación da Aldea de Nadal que se instalará nos Muíños de Samieira.
photo_camera Unha simulación da Aldea de Nadal que se instalará nos Muíños de Samieira. DP

O municipio poiense apostará este ano por un Nadal "diferente" e "con personalidade propia". Así o anunciou o alcalde Ángel Moldes, que onte presentou o seu proxecto de celebrar as festas coa instalación de sete Aldeas de Nadal por toda a localidade. Con esta iniciativa, o Concello buscará "devolver a ilusión por estas festas, ao tempo que se dinamiza o comercio e a hostalaría".

As Aldeas de Nadal, que se inaugurarán o día 2 de decembro, incluirán decorados, alumeado e diversas actividades itinerantes. Espallaranse por todas as parroquias e as súas ubicacións serán na contorna dos muíños de Samieira, no parque de Lourido, no Adro de San Salvador, na Praza da Chousa de Combarro, en Raxó, na Praza da Granxa de Campelo e na contorna da Igrexa de San Martiño. Para visitalas, habilitarase un tren turístico que realizará o percorido.

"Non queremos entrar nunha competición por ver quen coloca máis bombillas", asegurou Moldes, que aposta por "ofrecer aos veciños e visitantes algo máis". Ademais, a partir do 22 de decembro habilitarase na Seca unha carpa con propostas lúdicas e zona de xogos.

Moldes tamén apela a un Nadal "o máis participativo posible" e fai un chamamento aos colectivos para participar nas actividades navideñas. Tal e como explicou, os decorados das aldeas estarán elaborados por carpinteiros locais, pero pintadas e adornadas polo alumnado dos colexios de Poio, aos que considera "unha parte fundamental da iniciativa".

O rexedor, así mesmo, anunciou que a programación das Aldeas de Nadal darase a coñecer nas vindeiras semanas.

Comentarios