Alertan do risco de "colapso" da atención sanitaria en Poio pola "falta de facultativos"

O sindicato alude á "sobrecarga" dunha médica de Anafáns ► Convocarán a Mesa da Defensa dos Dereitos Sanitarios
Entrada ao centro de sáude de Anafáns. GONZALO GARCÍA
photo_camera Entrada ao centro de sáude de Anafáns. GONZALO GARCÍA

O Goberno local de Poio vén de alertar dun "serio risco de colapso" da sanidade no municipio a causa da falta de persoal, despois de que nos últimos días usuarios do centro de saúde de Anafáns denunciaran a existencia de listas de agarda de varios días. Na actualidade, segundo explicou o delegado electo da Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés polo sindicato médico O'Mega, Secundino Barreiro, o centro de saúde funciona na quenda de mañá "cunha médica que fai o posto de tres facultativos". Trátase, segundo Barreiro, "dunha situación límite e de ansiedade para o persoal". Segundo o delegado, "En Anafáns hai unha lista de agarda de máis de 10 días porque non se cubren as baixas nin os descansos". Durante a mañá do venres, sinala Barreiro, "unha única médica ten que atender o seu propio cupo, e algúns pacientes máis dos outros dous". Os cupos de pacientes do centro de saúde de Anfáns sitúanse arredor dos 1.500.

O sindicato, ademais de alertar da situación da facultativa e dos propios usuarios do centro, que en ocasións teñen urxencias "que non poden agardar", demanda unha "xestión axeitada dos Recursos Humanos. Non nos serve a disculpa de que non hai facultativos dispoñibles, Levamos acusando este problema 10 anos e urxe unha solución. Aos médicos que estamos, é necesario facernos máis atractiva a asistencia, xa que moitos profesionais marchan fóra", denuncian.

Pola súa banda, dende o Concello de Poio prevese convocar nas vindeiras semanas a Mesa de Defensa dos Dereitos Sanitarios, cuxa creación foi aprobada, de xeito unánime, pola Corporación municipal no Pleno ordinario do pasado mes de setembro, a raíz dunha moción elaborada conxuntamente polo BNG, PSOE e Avante. A través deste órgano, que estará presidido polo alcalde, Luciano Sobral, apóstase pola organización dun calendario de diferentes accións e mobilizacións para "esixir á Xunta de Galicia a mellora da asistencia sanitaria no municipio", que a día de hoxe se atopa "nunha situación insostible tanto para os usuarios e usuarias como para os propios profesionais dos centros de saúde". 

O equipo de Goberno liderado por Sobral Fernández advirte de que unha das actuacións que urxe que o Sergas acometa canto antes é a que dea cobertura das prazas vacantes nos centros de Saúde de Poio. De feito, coinciden en que, "a baixa recente dunha das doutoras está a provocar un novo colapso en Anafáns, onde se están a producir agardas de ata tres semanas para poder acadar unha cita telefónica".

Para o Goberno local, esta ausencia estase a cubrir "aumentando a carga de traballo do resto de médicos está a provocar que o persoal se atope nunha situación límite". Precisamente, a Xunta de Goberno Local vén de aprobar un escrito no que se "insta ao Sergas a que resolva esta problemática".

Pola súa parte, o BNG acudirá a vindeira semana á Valedora do Pobo e ao Parlamento.

Comentarios