América, Los Satélites, París de Noia e Panorama encherán a primavera musical en Poio

A primeira edición do programa terá como prato forte o Sons de Ánkar, con Tanxugueiras, o 29 de abril ► Os concertos serán gratuítos
Actuación de Panorama en Poio o ano pasado. DP
photo_camera Actuación de Panorama en Poio o ano pasado. DP

A primeira edición do Primavera en Poio xa está case perfilada ao completo. Trátase dunha iniciativa que fará que actúen no municipio, en diferentes datas, orquestras e grupos musicais moi coñecidos, tal e como apuntou o concelleiro de Festexos, Xosé Luís Martínez, que inscribe neste programa o festival Sons de Ánkar, que ata o momento se viña realizando a principios do verán.

A data para Sons de Ánkar será o 29 de abril, coas Tanxugueiras como cabeza de cartel. Nas vindeiras datas darase a coñecer o resto de integrantes do mesmo e os detalles deste festival, con entrada libre e gratuíta.

O prólogo e o epílogo desta gran cita musical no primeiro semestre do ano correrá a cargo de varias bandas e orquestras das máis seguidas polos veciños e que encherán o calendario desde marzo ata o día antes das Letras Galegas.

Así, a batería de concertos dará comezo o 31 de marzo e concluirá o 16 de maio e os encargados de estrear esta nova oferta lúdica serán os compoñentes do Grupo América de Vigo, que darán o pistoletazo de saída á programación en Raxó, nas inmediacións do recinto portuario iniciando unha das grandes fins de semana da primavera, xa que o sábado 1 e o domingo 2 de abril chegarán ás parroquias de San Salvador (Praza da igrexa) e de Combarro (Praza da Chousa), respectivamente, as osquestras Los Satélites e Panorama.

A batería de concertos dará comezo o 31 de marzo e concluirá o 16 de maio

Posteriormente, xa o domingo 30 de abril, será a quenda de Samieira, que na Praza Alfredo Romay acollerá unha actuación da orquestra Marbella. O peche ao Primavera en Poio será o martes 16 de maio, con París de Noia e Los Coleguitas, na Praza da Granxa de Campelo. "Esta proposta, nas datas nas que se realiza, supón un pulo para a actividade económica do municipio, especialmente entre sectores como a hostalería, axudando á súa desestacionalización" ao tratarse de orquestras e grupos "que sempre espertan gran expectación", apunta.

Comentarios