As instalacións do Palacio de Besada, en Poio, acolleron este domingo a conmemoración das vodas de ouro dos matrimonios do municipio, un evento que é tradicional da axenda de Benestar Social pero que, por mor da pandemia, leva dous anos sen celebrarse.
Esta edición contou con 14 parellas homenaxeadas, das cales, a maior parte, son residentes na parroquia de San Xoán, e oriundos do municipio, aínda que non faltaron os que escolleron Poio para vivir pese a non ter nacido no Concello.
Nove das parellas viven en San Xoán, mentras que tres fano en San Salvador e outras dúas en Combarro. No evento, como é xa tradición, desfilaron os e as participantes e ocuparon o lugar central do escenario onde recibiron unhas flores, un agasallo conmemorativo e se realizou unha semblanza de cada un dos matrimonios.
Ao acto acudiron representantes de todos os grupos da Corporación e o alcalde, Luciano Sobral.
"Todas e todos eles son un exemplo de vida e de amor para nós e agardamos que o continúen sendo moitos anos máis, convivindo e compartindo todas as mellores experiencias que poidan ter", destacou a edil de Benestar, Rosa Fernández, quen axudou, como o resto dos concelleiros e concelleiras, a entregar os distintivos aos e ás homenaxeadas.

Os matrimonios homenaxeados foron os de Vicente Pérez e María Dolores Rodiño, Severino Castro e Horencia Mora, José María Valdenebro e Beatriz María de los Desamparados Carmen Alonso, Francisco Rodríguez e Claudina Abilleira, Francisco Muíños e María del Carmen Lodeiro, Francisco Fuentes e María del Carmen Lubián, Francisco Javier Ibáñez e Marina García, José Antonio Castro e Peregrina Torres, Domingo Antonio Beiro e María Teresa de la Fuente, Avelino García e María de los Dolores Martínez, Emilio Tieso e María de los Ángeles González, José Antonio Castro e Ángela Caldas, José López e Ángela Castro e Francisco Martínez e María Angelines Calvo.

O acto, no que non faltou o aplauso de ducias de familiares destes e destas homenaxeadas, concluiu con unha canción cantada a coro por todos os asistentes, incluidos os representantes políticos.
O Concello destaca que, unha vez celebrada esta estrea, o Pazo pasará a acoller as instalacións de Benestar, Servizos Sociais e o CIM, que ata agora se prestan na Casa Rosada. Este traslado irase producindo no transcurso do ano que vén.