Ana Pontón: "Nito sempre escolle escoitar e traballar"

A líder do BNG enxalza o talante do alcalde, e do equipo do BNG, e chama a "evitar retrocesos" nun Poio que avanza

O acto do luns, no que apoiaron a Sobral, entre outros, o alcalde de Barro e varios edís de Pontevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera O acto do luns, no que apoiaron a Sobral, entre outros, o alcalde de Barro e varios edís de Pontevedra. RAFA FARIÑA

Nito Sobral, o alcalde de Poio e candidato por sexta vez á Alcaldía é o método máis seguro para que a veciñanza continúe "no camiño de aproveitar as grandes potencialidades" que ten Poio. Son palabras de Ana Pontón, voceira nacional do BNG, que este luns acudiu á posta de longo da lista de Sobral no Casal de Ferreirós, en San Salvador. Os xardíns deste pazo, na parroquia máis poboada do concello, ían acoller a visita da líder do partido nos prolegómenos dos comicios municipais, pero a choiva obrigou a celebrar o encontro no interior do Casal.

"O BNG, cando goberna, fai unha xestión transparente e honesta e aplica medidas que son referencia para a política municipal galega e recoñecida internacionalmente"

Ana Pontón, que compareceu nun acto que abriu a número dous e responsable actual de Educación e Deportes, Marga Caldas, lembrou que o día 26 de maio será unha cita importante para decidir quen vai dirixir e xestionar o concello e avogou pola valía para esta tarefa de Sobral e "da candidatura do BNG, conformada con xente nova que vén con ganas de dar o mellor e con ideas e coñecemento do concello".

Para Pontón, o mellor "aval" nestas eleccións municipais é o traballo realizado polo BNG nos concellos como de Poio, con políticas sociais, culturais e deportivas ao que sumou melloras en ámbitos destinadas sempre ás persoas. "O BNG, cando goberna, fai unha xestión transparente e honesta e aplica medidas que son referencia para a política municipal galega e recoñecida internacionalmente", afirmou para enxalzar o carácter e o talante do candidato. "Nito Sobral é un home ao que non lle gusta a crispación e sempre escolle escoitar e traballar polo ben común", declarou, para lembrar que "leva demostrado un grande compromiso con Poio, e co gran potencial do concello, o seu mar, os seus recursos e a paisaxe". Ante isto, defendeu, o 26M debe ser momento de "facer unha aposta clara para que non se produza ningún retroceso e estou convencida de que Poio vai estar aí".

A EDAR, entre os retos
Pola súa banda, Sobral referiuse este luns á futura EDAR para Raxó e Samieira, á nova alternativa á PO-308, ao vial do Bao, ao polígono industrial, e a un centro de saúde novo como retos dun novo mandato, tras pechar este no que se conseguiu a humanización da PO-308 e a de Campelo e se executaron 15 millóns en obras.

Comentarios