A Andaina de Campo Lameiro xuntou 2.552 euros para a Fundación Andrea

O Concello califica de éxito a cita deportiva e solidaria, que sumou a uns 400 participantes
Unha das saídas da convocatoria solidaria, que contou con percorridos polos mellores enclaves do municipio do Campo Lameiro. DP
photo_camera Unha das saídas da convocatoria solidaria, que contou con percorridos polos mellores enclaves do municipio do Campo Lameiro. DP
A entrega dos fondos recadados na andaina solidaria de Campo Lameiro. DP
A entrega dos fondos recadados. DP

A vecindade de Campo Lameiro segue a dar leccións de solidaridade colectiva. Así o fixo este domingo, cando, froito da inscrición de máis de 400 persoas para a Andaina Solidaria organizada polo Concello, o alcalde, Carlos Costa, puido entregar á directora da Fundación Andrea, Amaya Castro, dun total de 2.552 euros.

No evento, que contou con dous percorridos: un de 21,5 quilómetros e outro de 14, estivo presente o xefe territorial de Deportes da Xunta en Pontevedra, Daniel Benavides Alonso e a participación foi masiva.

Tal e como lembra o Concello, a Fundación Andrea céntrase no apoio aos nenos e nenas con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais. A organización desta andaina permitiu destinar o 50% da cota dos inscritos nesta proba así como os fondos recollidos nas huchas instaladas na Praza do Concello para este fin.

A cita comezou con puntualidade ás 9.00 horas da mañá, dándolle a saída aos 169 participantes no percorrido longo de 21,5 quilómetros e media hora despois aos 231 restantes. Os deportistas atravesaron por dous importantes emprazamentos culturais e medio ambientais: o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR) de Campo Lameiro e o Sendeiro do Río Maneses.

Ademais, no transcurso da andaina máis longa, houbo unha parada a área recreativa de Penalba e dos petróglifos que hai situados nesa zona: Pedra da Serpe e Laxe da Arrotea de Mendo.

Tal e como lembra o Concello, con esta proba pedestre non competitiva, ademais da solidaridade, pretendía promocionar tamén os distintos lugares e paraxes marabillosos que conforman o patrimonio natural e medioambiental do concello de Campo Lameiro.

Ao ser unha proba non competitiva na que non participaron en exclusiva persoas habituadas a este tipo de traxectos, a organización estableceu un percorrido circular con abundantes postos de avituallamento, pensados para que non se produciran indisposicións por parte dos participantes ao longo de ningunha das dúas rutas.

O percorrido establecido pola organización contemplaba un desnivel positivo de 860 metros para a distancia longa de 21,5 quilómetros, que tivo tamén habilitados tres avituallamentos e, no caso do trazado curto de 12 quilómetros, o desnivel positivo foi de 550 metros e houbo dous puntos de avituallamento.

Carlos Costa cualificou esta primeira edición de éxito e agradeceu en especial a todos os establecementos comerciais do municipio que colaboraron con esta iniciativa. A convocatoria rematou compartindo un gran aperitivo para recuperar forzas dos participantes no que se puderon degustar callos, mexillóns e outras viandas.

Comentarios