Andrés Díaz: "Cinco anos despois aínda chegan reclamacións dos chanchullos do PP"

O alcalde asegura que o último custará aos veciños 3.636 euros pola apropiación indebida dunha finca na Reigosa
El alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz. DP
photo_camera O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz. DP

O Concello de Ponte Caldelas denuncia que a día de hoxe "continúa pagando os chanchullos do anterior Goberno do PP", e que "cinco anos despois seguen chegando reclamacións xudiciais das manobras ilegais que facía o anterior alcalde e tenente de alcalde".

Segundo explicou o alcalde, Andrés Díaz, o último "chanchullo" custaralles aos veciños 3.636,59 euros máis intereses de demora, e trátase da apropiación indebida dunha finca na Reigosa, ó lado da depuradora, onde "formigonaron un terreo particular sen cesión nin expropiación para dar un segundo acceso á instalación". Segundo explicaron dende o actual Goberno local, "fixérono polas bravas", polo que se interpuxo unha denuncia. "Ao propietario da finca non lle quedou outra opción que acudir ó Xulgado", explican.

O alcalde tamén aclarou que, tras ter coñecemento da situación e de como ía afectar ao concello, "esta cuestión resolvémola dialogando coa parte afectada e chegando a un acordo que evite a vía xudicial dado que incrementaría bastante o custe a pagar e, ademais, de haber xuízo terían que sentar na bancada a declarar o anterior alcalde e o seu tenente de alcalde, responsables destas obras ilegais",

Neste sentido, o alcalde de Ponte Caldelas quixo deixar claro que, dende a súa chegada á Alcaldía, quixo marcar "un antes e un despois, apostando polo futuro de Ponte Caldelas sen mirar atrás".

Neste sentido, e tras ter constancia de máis denuncias similares derivadas do anterior mandato, o rexidor asegurou que "ao igual que sucedeu con outras denuncias, imos ser elegantes, pagar o que corresponde e deixarnos de litixios xudiciais".

O alcalde de Ponte Caldelas sentenciou que "imos seguir traballando por Ponte Caldelas", algo que, asegurou, pensa facer "sen mirar ao pasado".

Comentarios