Lunes. 24.09.2018 |
El tiempo
Lunes. 24.09.2018
El tiempo

Ángel Moldes, PP: "Somos os únicos que podemos poñer punto e final a 25 anos de rutina"

Ángel Moldes Martínez. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Ángel Moldes Martínez. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O principal grupo da oposición en Poio confirmou a finais do pasado mes de xullo o que xa adiantara o Diario de Pontevedra hai unhas semanas: o segundo asalto do actual voceiro do PP á Alcaldía

Tras a decepción de 2015, Ángel Moldes volve a ser a aposta do PP de Poio para recuperar o bastón de mando na vila da comarca pontevedresa, onde non goberna desde principios da década dos 90. Tras ser anunciado oficialmente como candidato hai apenas unha semana, o tamén presidente do Partido Popular local ten bastante clara a confi guración da lista, na que lle dará prioridade "á representación de todas as parroquias". Moldes asume que durante a campaña volverán a escea temas de sobra coñecidos polos veciños, como a construción da futura EDAR ou a mellora da seguridade viaria. "Se se segue a falar disto é porque, en 25 anos, non se avanzou", repite en varias ocasións. O líder ‘popular’ amósase sorprendido polo feito de que os seus rivais políticos aínda non anunciaran as súas candidaturas. "Iso non transmite unha imaxe moi positiva", opina Ángel Moldes, que tamén valora de xeito satisfactorio a súa experiencia como voceiro do grupo provincial ‘popular’.
 

A que se debe adiantar tanto os prazos para presentar ao candidato?

Xa levamos tempo traballando na confi guración do noso programa electoral. Queremos deixar moi claro que somos a única candidatura seria que pode facer fronte aos 25 anos de rutina que existen actualmente na xestión municipal de Poio. Temos un proxecto practicamente pechado, no que o primordial é o benestar dos veciños. En realidade, a min o que me sorprende é que as restantes forzas políticas aínda non teñan dado ningún paso.

Que panorama prevé de cara as eleccións de 2019?

Todo apunta a que haberá varias candidaturas. Este fraccionamento de listas deixa claro que necesitamos un cambio. A xente quere acabar coa rutina. Agora, os veciños deben decidir se apostan por un proxecto consolidado, sólido e con xente con experiencia na Corporación como o noso ou por un tripartito ou cuatripartito, algo que, na miña opinión, non sería bo. Penso que só existen estas dúas opcións.

"As eleccións de 2015 celebráronse nun contexto difícil para nós, parecía que votar ao PP era un suicidio"

Acaba de dar unhas cantas pinceladas da súa candidatura. Que novidades presentará con respecto á de hai catro anos?

Traballamos para configurar unha lista na que todas as parroquias estean representadas. Contamos con xente que leva traballando duro desde o principio do mandato. Sempre estivemos aí á hora de afrontar problemas. Sucedeu, por exemplo, coa regulamentación do cemiterio. Se non fose por nós, os nichos pertencerían ao Concello, en vez de aos veciños. Imos apostar por persoas preparadas para gobernar. Somos un bo equipo, con cidadáns que están afeitos a colaborar activamente cos colectivos locais.

chorvo poio 2Os resultados nas eleccións de 2015 non foron os desexados. Que sucedeu?

Eses comicios celebráronse nun contexto moi difícil para o PP. Perdemos bastións como Lalín ou Ribadumia. Seguramente pasaron factura cuestións como a Gürtel our as tarxetas ‘Black’. Parecía que votar ao Partido Popular era un suicidio. Aínda así, en Poio tivemos máis votos ca noutros anos.

Pois agora a situación do Partido Popular a nivel nacional non pinta moito mellor.

Estamos en plena fase de renovación. En todo caso, eu invito aos veciños a que se centren no PP de Poio. Eu son de aquí, ao igual ca os nosos compañeiros. Ningún de nós temos relación con casos de corrupción. Somos veciños da vila con moitas ganas de traballar.

"Haberá varias candidaturas e ese fraccionamento de listas deixa claro que necesitamos un cambio"

Semella que, unha vez máis, durante a campaña electoral vanse tratar os mesmos temas de sempre. A depuradora, a seguridade viaria, o PXOM...

Ese é o problema do que vén sucedendo nos últimos 25 anos. A xente está cansa de escoitar sempre as mesmas desculpas. Teño moi claro que en catro anos non se vai facer o que non se realizou nos 25 anteriores. Para nós, a prioridade número un é a construción da EDAR. Non podemos seguir tendo dúas parroquias (Raxó e Samieira) que verten verquidos directamente á ría, máxime cando somos un concello que vive do turismo e do marisqueo. O novo Plan Xeral tamén é importante, porque facilitaría o asentamento de novas empresas en Poio. Tamén está pendente o desenvolvemento do polígono de Fragamoreira. O bipartito leva moito tempo falando de todo isto, pero, por unhas razóns ou outras, non as fixo realidade.

E pensa que eses proxectos poden completarse durante o vindeiro mandato?

Paréceme bastante factible. No caso da EDAR, hai un compromiso fi rme da Xunta de Galicia para realizar unha achega económica para acometer a construción. Pero é preciso que o Concello elixa un emprazamento. A Administración autonómica tamén se está implicando na seguridade viaria, con varias actuacións pendentes na PO-308. Para nós, outra actuación importante sería a construción dun novo pavillón, debido ao importante tecido deportivo que temos en Poio. Non son obras faraónicas, polo que en 2023 poderían estar listas. En canto ao PXOM, é cuestión de vontade.

"Algún concelleiro que di que facemos unha oposición sucia é precisamente o menos indicado para falar"

Que pensa cando escoita a concelleiros do bipartito afirmar que a oposición que fai o PP de Poio é a máis sucia da provincia de Pontevedra?

Paréceme triste. Algún deses concelleiros é o menos indicado para dicir nada, porque existen casos particulares aos que nunca nos referimos por unha cuestión de respecto.

A que cre que se debe esa afirmación, entón?

A que están desesperados. Somos intensos, fiscalizamos día tras día, pero ese é o noso labor. O máis sinxelo sería non facer nada durante catro anos e agardar ao último mes antes das eleccións para facernos notar. Diso sabe moito o bipartito, que hai meses que afirmou que denunciaría á Xunta de Galicia por non decidir un emprazamento para a EDAR. O mesmo sucede co novo PXOM, no que non hai avances. Pensan que un problema soluciónase só, pero non é así.

Que imaxe pensa que teñen os veciños de Poio do PP local?

A dun grupo que traballa duro, que está moi pendente dos cidadáns, algo que agradecen. Representamos unhas siglas, pero somos autónomos e non facemos seguidismo. O primeiro para nós é Poio e, despois, o PP. O compromiso que temos é cos veciños e hai moitos exemplos que así o demostran. Cando xurdíu a polémica sobre a Lei de Acuicultura, manifestámonos en contra en Santiago, xa que entendiamos que non era beneficiosa para o sector. Tampouco temos problema en apoiar mocións doutros partidos nas que se fan diferentes peticións a outras administracións, sempre e cando resulten beneficiosas para a vila.

Móllese: presentarase Luciano Sobral ás eleccións?

Non sei. O que teño claro é que non da boa imaxe que, a menos dun ano da data, aínda non o teñan claro. Se te presentas só porque o teu partido así cho ordena e algo que se nota. Cando estás no Concello tes que dar o 100%. O normal sería que tivesen as cousas claras, pero non o parece. Algo similar sucede co PSOE. Nós temos un candidato claro e comprometémonos a gobernar durante catro anos, sen dar a ‘espantada’.

"A nova Deputación é como unha aspirina: parece que vale para todo, pero, en realidade, non cura nada"

Insinúa que podería suceder iso se repite Sobral?

Sería un acto de irresponsabilidade e un engano aos veciños. Sempre se di que nas eleccións municipais a quen se vota é ao candidato, 
máis alá das siglas. Por iso hai que ter un compromiso firme para cumprir o desexo dos veciños.

Que balanzo fai dos tres anos como cabeza visible do Partido Popular provincial?

É unha experiencia impagable. Isto permíteme traballar con moitos compañeiros de diferentes concellos de Pontevedra. Ademais, estou en contacto permanente co presidente da Xunta, o vicepresidente ou os conselleiros. Fanse moitos contactos e isto pode ser un plus á hora de gobernar.

E como valora ao Goberno provincial?

A nova Deputación esquece ás vilas máis pequenas. Está moi ven acadar convenios con cidades como Pontevedra ou Vigo, pero esta institución creouse para axudar aos concellos máis pequenos. Falan do ‘Plan Concellos’, pero non é suficiente. De feito, elimináronse axudas. Antes había liñas para contratación de traballadores, servizos sociais, axudas para colectivos culturais... Agora non sé así e ímolo demostrar. En febreiro temos previsto publicar un informe que destapará a gran mentira do Goberno provincial, que é coma unha aspiriña: parece que vale para todo, pero non cura nada.

Está sendo un mandato marcado pola tensión entre o bipartito e vostedes. Este nivel de crispación era algo co que contaban desde un principio ou, pola contra, sorpréndelle?

O BNG e o PSOE seguramente pensaban que non iamos saber fiscalizar. A este bipartito a Deputación quédalle moi grande. Sobre o tema da crispación, iso vai no perfi l das persoas. Hai moita diferencia entre o anterior presidente (Rafael Louzán) e a actual (Carmela Silva). Antes, dábase recepción aos veciños e había contacto permanente con todo tipo de colectivos. Agora é moi difícil chegar ata a presidenta. Hai sectarismo. Se ata os Gobernos locais da súa cor teñen problemas para reunirse con ela...

Por onde pasa a recuperación do Goberno provincial? Cal é a folla de ruta do Partido Popular?

Van resultar fundamentais os resultados en concellos de menos de 20.000 habitantes. Temos que conseguir que os veciños se dean conta de que o trato que podían ter antes coa Deputación agora desapareceu.

Pensa en concellos concretos?

No Salnés, por exemplo. Cambados, Ribadumia.. Aí, a raíz das eleccións de 2015, xurdiron moitos tripartitos ou, incluso, cuatripartitos, dirixidos por alcaldes que supostamente ían arranxalo todo. Sen embargo, quedou demostrado que non teñen capacidade de xestión. É difícil gobernar querendo quedar ben con todo o mundo.
 

Ángel Moldes, PP: "Somos os únicos que podemos poñer punto e final...
Comentarios