"A muller do mar non desaparecerá, cada vez abarcamos máis campos"

Converterse en patroa para faenar na captura da ameixa a flote supuxo un cambio de vida radical para Ángeles Corredoira (San Xoán, 1982) quen, tras varios anos no mundo do mar vén de ser recoñecida pola asociación Mulleres en Igualdade como a 'Muller do ano' en Poio
Ángeles Corredoira Carballa, patroa de embarcación e Muller do Ano en Poio. DP
photo_camera Ángeles Corredoira Carballa, patroa de embarcación e 'Muller do Ano' en Poio. DP

Érguese ás sete da mañá e media hora despois xa está saíndo co barco dende o peirao de Combarro cara o banco marisqueiro que toque. Hai días mellores e peores coa captura, pero Ángeles sempre regresa á lonxa de Campelo triunfal, á beira das dúas da tarde. Mudar a súa profesión no eido do Turismo por converterse en patroa de embarcación no marisqueo de a flote foi algo que non imaxinaba que ía facer cando estaba estudando a diplomatura, pero presentouse a oportunidade e a conciliación puido máis: "Comecei co meu pai, foime gustando, e collinlle a maña. Porque isto non é só cuestión de forza. Quixen aprender e ser cada día un pouco mellor nisto, e ao final conseguino. Meu pai xubilouse e quedei coa empresa eu soa".

"Na recollida da ameixa a flote", conta, "aínda que teño moitas compañeiras, é moi difícil ver mulleres en barcos. É un sector moi masculinizado". Pero saíu adiante e converteuse en patroa da súa embarcación, asumindo a explotación do barco en solitario. "Gustoume a profesión, e permíteme conciliar a vida familiar co traballo. Teño dous fillos pequenos, e traballando en hoteis nunca tiña tempo libre nin vacacións, os turnos eran imposibles. Agora podo adicarlles tempo, e o traballo é bonito, ao aire libre, na natureza. Non dependo de ninguén porque son a miña propia xefa", asegura.

Que significa para vostede ser a muller do ano no seu municipio?
Colleume un pouco por sorpresa. Cando me chamou Maritxe, a presidenta de Mulleres en Igualdade, alucinei, porque non estou acostumada a ser protagonista de nada, nin a este tipo de cousas. Realmente eu non creo que faga nada fóra do común ou do que poida facer calquera muller. Haberá miles de traballadoras en Poio que o merezan igual ca min, pero a verdade é que é un orgullo e un pracer recibilo. Estou encantada.

Cre que a súa é unha profesión pouco recoñecida?
Esta profesión coñécese a nivel global como a das mariscadoras, e aí métese no saco a todas, pero non se diferencia o marisqueo a flote ou a pé. Cando se fala das mariscadoras a todo o mundo lle vén á mente unha mariscadora a pé, pero as mariscadoras que están na ría e van ao mar non son algo que a xente teña en mente, nin algo cotiá.

"As mariscadoras que están na ría e van ao mar non son algo que a xente teña en mente, nin algo cotiá"

Hai irmandade entre as mulleres do mar?
Ás mulleres que traballamos no mar, coincidir con outra fainos moi felices, porque sentimos unión, que estamos xuntas nisto. Eu agora estou traballando redes e outras artes en Bueu cun compañeiro e unha compañeira, e si que é certo que ás veces ao chegar ao peirao a descargar, cando nos atopamos coas redeiras que cosen, aínda que non sexan do gremio, sempre nos esbozamos un sorriso mutuo pensando: mulleres bravas, ben! Sen coñecernos, hai vínculo. É bonito atopar compañeiras de traballo e que cada vez haxa máis.

Conquistar certos espazos nun eido tan masculinizado coma o das embarcacións é importante...
Sei que non son a primeira muller en Poio, e que hai anos xa había algunhas que tamén ían soas na embarcación. Pero si que son a primeira á que se lle recoñece, quizais pola época que é e os medios que temos.

Este recoñecemento pode servir de referente para as rapazas novas que se queiran atrever a probar a profesión.
Ogallá que sirva para algo e que a xente nova e as mulleres en xeral se animen. É un traballo moi artesanal e moi duro, no que xogas coa climatoloxía e os temporais, e a ninguén lle gusta estar aí. A xente nova nunca vai pensar nel como un primeiro traballo, pero si que é moi bonito. Falta relevo xeracional no sector. Moitos compañeiros pasan dos 50, e non hai xente nova que se anime a mercar unha embarcación e traballar disto. Sería bo fomentalo.

Hai machismo no mundo do mar? Cal é a súa experiencia?
Si que é un sector moi influenciado nese sentido, e algún comentario si que tiven que escoitar algunha vez, como en todas partes. Pero a min os compañeiros sempre me trataron ben, e téñenme axudado moito, sobre todo cando se levanta temporal e custa levantar os aparellos para irte. Sempre hai alguén pendente de min para que chegue ben a terra. Teño grandes amigos no sector e compañeiros de traballo.

Como ve o futuro das mulleres no mundo das embarcacións?
As mariscadoras de a pé son un sector forte, no que hai moita xente querendo entrar. No das embarcacións non tanto, pero eu creo que sempre vai haber mulleres no mar. As formacións nas escolas náuticas pesqueiras son para homes e mulleres e eu téñome atopado con moitas. Pode que non se adiquen ao mesmo ca min, pero si que fan outras funcións en barcos de pesca, como biólogas, patroas ou mariñeiras de ponte. A muller do mar non vai desaparecer, sempre vai ter presenza, e cada vez abarcamos máis campos masculinizados ou estereotipados.

Que pediría para consolidar estes postos de traballos femininos?
As axudas das administracións para comezar son fundamentais. Eu cando comecei acollinme a unha subvención que me veu moi ben, porque nese momento tes máis gastos que beneficios, e tes que aprender. Iso animaríaas a dar un paso adiante.

Comentarios