A Xunta responde á Anpa do IES de Soutomaior cun texto cheo de faltas de ortografía

Volven ás protestas na rúa ante a indignación dos pais e nais de alumnos

Os alumnos e alumnas pintaron pasos de peóns con fariña. DP - Anpa do IES de Soutomaior
photo_camera Os alumnos e alumnas pintaron pasos de peóns con fariña. DP - Anpa do IES de Soutomaior

Os pais e nais de alumnos do IES de Soutomaior retomaron este martes as protestas na rúa, despois dun parón de dúas semanas no que se reflexionou sobre os acordos plenarios acadados na sesión especial sobre o centro celebrada no Concello. Nese tempo o colectivo agardaba ser recibido pola nova conselleira de Educación, Carmen Pomar, á que quería expoñerlle persoalmente todas as inquedanzas xurdidas, tanto pola supresión dunha parada de transporte escolar en Arcade como polo que considera deficiencias do centro. A resposta da Consellería parece ser un dos detonantes da volta ás protestas, posto que o gabinete de Pomar rexeitou a reunión e recomendou aos pais e nais de alumnos que se dirixiran á Xefatura Territorial de Educación.

O colectivo, que non oculta a decepción pola resposta, sinala que os contactos coa Xefatura existen e non deixaron de producirse, ao igual que coa dirección do centro. De feito, está pendente que se convoque outra reunión esta mesma semana para falar de asuntos pendentes.

Por outra banda, na resposta enviada e asinada polo Gabinete Técnico da Consellería de Educación engádese que "a conselleira alégrase moito de que o alumnado poida cursar os seus estudos de Secundaria e Bacharelato no seu propio municipio". Os pais e nais de alumnos din sentirse "desconcertados" ante o ton da nota de resposta. "Que se poña en dúbida que queiramos que as nosas fillas e fillos estuden no noso concello parécenos unha torpeza pola súa banda. O que queremos é que o fagan con todas as garantías e sen perder dereitos. Non nos parece de recibo que tivésemos que mobilizarnos máis dun mes para deixar de estar con luz de obra e ter calefacción e auga quente. Queremos que se nos recoñeza o dereito que se lle quitou ás familias da ESO á conciliación familiar, e para isto son fundamentais o transporte escolar e o comedor", insisten.

No acto do martes, os alumnos pintaron con fariña os pasos de peóns ante o centro. Deste xeito denunciaron que, pese a que o IES leva dous meses funcionando, a sinalización viaria segue sen ser a axeitada para as novas condicións da zona. A ANPA foi particularmente dura co Gabinete da Consellería, por ter enviado un comunicado de resposta con "faltas de ortografía impropias para a máxima autoridade en materia de educación na Comunidade Autónoma", sinalan.

Captura da resposta oficial, cos erros ortográficos resaltados. DP - IES de Soutomaior

Comentarios