O anteproxecto do balneario de Ponte Caldelas contempla tres piscinas e un edificio acristalado

O edificio superará os 1.200 metros cadrados construídos

Maqueta do anteproxecto do balneario de Ponte Caldelas. DP
photo_camera Maqueta do anteproxecto do balneario de Ponte Caldelas. DP

O expediente para a construción e explotación en réxime de concesión do futuro balneario de Ponte Caldelas xa está en marcha. O Concello prepara a exposición ao público do anteproxecto arquitectónico e do estudo de viabilidade económico-financeira, pasos previos á licitación. 

O goberno local encargou a redacción dos documentos que servirán de base para o concurso, deixando abertas posibles melloras polas empresas interesadas, "sempre que encaixen na edificabilidade existente", indicou o Concello nun comunicado. A filosofía deste proxecto é a dunha estación termal sostible e "sen ningún parecido co quebrado macroproxecto impulsado polo anterior equipo de goberno".

O anteproxecto conta cun orzamento total de 1.867.741 euros e contempla tres piscinas de augas termais, dúas ao aire libre e unha terceira baixo un edificio de dous andares que terá unha fachada completamente acristalada. 

Anteproxecto do balneario de Ponte Caldelas. DP

O anteproxecto arquitectónico deseña un inmoble cunha superficie construída de algo máis de 1.200 metros cadrados. No baixo sitúase a piscina cuberta cuns 200 metros cadrados e tres cabinas de masaxes e tratamentos. As outras dúas pozas, cunha lámina de auga doutros 300 metros, están ao aire libre nunha superficie herbácea e comunicada por camiños de terra. No andar alto estarán a recepción e un local de restauración.

Tamén queda contemplada a urbanización da finca, baseada no respecto aos valores naturais da contorna, polo que inclúese unha escaleira de acceso ao nivel das piscinas (ademais dun ascensor no interior do inmoble) e unha rampla para uso peonil e de vehículos de emerxencias e de servizos que remata con catro prazas de aparcamento restrinxidas. O resto do terreo será tratado con herba.

DE 25.000 A 50.000 VISITANTES. O estudo de viabilidade económico-financeira estima que a instalación arrancará con 25.000 visitantes o primeiro ano e alcanzará os 50.000 ao quinto. As previsións económicas prevén un balanzo positivo dende o primeiro momento, que supera os 100.000 euros a partir do cuarto exercizo. Ademais estímase a contratación de 5 traballadores, ademais dunha empresa de limpeza.

O Concello está traballando paralelamente na redacción dos pregos do concurso no que se esixirá un aforo mínimo de 200 persoas e un prezo máximo das entradas de 6 euros, con descontos para nenos e xubilados. A concesión resultante será por un período de 30 anos, prorrogables por outros 10. Tamén quedarán determinadas as condicións da explotación, incluíndo unha cláusula de rescate para o caso de que a instalación permaneza pechada durante 6 meses.

Comentarios