"Un antes e un despois" para a contorna da Rúa do Adro e da Avenida da Porteliña

O Concello de Poio saca a licitación o proxecto para a humanización destas dúas zonas ►Os traballos, financiados a través do Plan Concellos, contarán cun investimento de máis de 400.000 euros

Rúa do Adro, en Poio. DP
photo_camera Rúa do Adro, en Poio. DP

O Concello de Poio ten previsto investir máis de 400.000 euros nunha ambiciosa actuación que suporá "un antes e un despois" para a contorna da Rúa do Adro e da Avenida da Porteliña, en pleno centro da parroquia de San Salvador. Así o anuncia o concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), que adiantou que o proxecto xa se atopa en proceso de licitación e será adxudicado en breve. Os fondos para poder levar a cabo esta obra proveñen do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, e corresponden ás convocatorias de 2021 e 2022. O proxecto foi aprobado pola Xunta de Goberno Local no mes de agosto.

Tal e como explica Agís Gómez, os traballos consistirán na humanización e posta a punto dunha zona que "na actualidade se atopa moi degradada e que é moi utilizada pola veciñanza". Deste xeito, tal e como figura na memoria técnica elaborada polos técnicos municipais, as obras contemplan a mellora do pavimento, a adaptación de rasantes e a eliminación de barreiras arquitectónicas, apostando, deste xeito, por continuar consolidando a mobilidade sustentable e universal, que é "un dos piares nos que se basean as actuacións que estamos a desenvolver en diferentes núcleos do municipio", apunta o titular de Urbanismo.

Apostarase, ademais, polo uso de novos materiais que se integran e sexan totalmente respectuosos coa contorna, ao tempo que se lle dará prioridade ao tránsito peonil, garantindo, deste xeito, unha maior seguridade viaria. Para levar a cabo estas obras será necesario proceder á demolición do firme actual e da beirarrúa existente, adaptando as rasantes a unha nova plataforma única. 

Gregorio Agís engade que, a maiores destas melloras, o proxecto tamén contempla a dotación e renovación de diferentes servizos. Así, a empresa que resulte adxudicataria levará a cabo a instalación de saneamento nunha superficie duns 150 metros, na que se habilitará unha tubaxe de PVC, ademais de oito pozos de rexistro. Con respecto á recollida de pluviais, habilitarase un colector PVC de 180 metros de lonxitude, acompañado de 16 acometidas domiciliarias, dez pozos de rexistro e sete sumidoiros para a recollida deste tipo de augas. Os traballos incluirán, a maiores, a dotación de servizos para telecomunicacións e a renovación do alumeado público, apostando por puntos de luz led, o que garantirá unha maior eficiencia enerxética no seu uso.

O concelleiro de Urbanismo entende que este proxecto é "moi necesario e ambicioso" e anuncia que nas vindeiras semanas "convocaremos unha reunión informativa en San Salvador, para dar a coñecer todos os detalles das obras, como xa fixemos con outras actuacións de calado que a están en marcha, como a humanización da contorna da Puntada, Saíñas e Portosanto".

Agís conclúe lembrando que "seguimos cumprindo co estipulado no Plan de Mobilidade Urbana Sostible, aprobado neste mandato polo Goberno a pesar da oposición do Partido Popular, que permite tramitar, xestionar e optar a subvencións que serven para mellorar núcleos urbanos e de contornas tradicionais, garantindo unha maior seguridade, mobilidade e accesibilidade universal".

Comentarios