Antonio Durán 'Morris' será o mestre de cerimonias da homenaxe a Suso Vaamonde

O Concello de Ponte Caldelas anunciou esta semana que son moitos os amigos do cantautor que confirmaron a súa presenza en Regodobargo
Suso Vaamonde. WEB OFICIAL
photo_camera Suso Vaamonde. WEB OFICIAL

O actor Antonio Durán 'Morris' será o mestre de cerimonias dos actos que se celebrarán o domingo 16 de febreiro en Ponte Caldelas para homenaxear a Suso Vaamonde no 20 aniversario do seu falecemento.

O Concello caldelano anunciou esta semana que son moitos os amigos do cantautor que confirmaron a súa presenza en Regodobargo para participar nos actos de homenaxe .

O Concello de Ponte Caldelas dará o nome de Suso Vaamonde á Casa do Pobo de Regodobargo ás 16.00 horas e, previamente, ás 12.00 horas realizarase unha ofrenda floral no río que tanto inspirou ao cantautor galego e onde xa se teñen realizado outras ofrendas similares na data do seu pasamento. Ademais, instalarase unha carpa a carón da Casa do Pobo de Reogodobargo na que se desenvolverá a parte musical da homenaxe.

Xa está confirmado que Antonio Durán 'Morris' guiará os actos nos que xa confirmaron a súa presenza Mero e Manuel Dopico de A Quenlla; Alfredo de A Roda; Pepe Iglesias de Buxán; Luis Vaamonde, Os Xeitosiños, Troula, Miguel de Combarro, Mil Tallos e tamén as Pandereteiras de Regodobargo.

O Concello de Ponte Caldelas continúa así cun recoñecemento iniciado polo tripartito no ano 2016, cando se saldou unha débeda histórica con este ilustre veciño, cantautor desde os 16 anos, membro de Voces Ceibes, entre outras formacións, que mesmo foi condeado e encarcerado nos anos 80 polo contido dunhas estrofas cantadas nun concerto antinuclear celebrado en Pontevedra no ano 79.

Comentarios