"Aos nenos pedinlles que dean o máximo nesta etapa para ter unha vida plena"

Manuel Barreiro é moi coñecido en Ponte Caldelas non só por ter sido parte da vida política, senón tamén polo seu labor como docente no CEIP Cordo Boullosa, do que foi director durante 14 anos ▶ Con 60 e nos primeiros días da súa xubilación pide paso para as novas promocións
undefined
photo_camera Barreiro Martínez, con Nicolás, Neizan e Sergio, de cuarto curso, nunha recente visita ao CEIP Cordo Boullosa, que dirixiu ata decembro. J. Cervera-Mercadillo

Recén xubilado, o mestre Manuel Barreiro Martínez, volve a pisar o chan do CEIP Cordo Boullosa, que dirixiu durante 14 anos, ata hai apenas unhas semanas, para facer unha pequena retrospectiva da súa carreira. Non é o habitual, porque neste centro, o alumnado despídese do profesorado con actos moi emotivos, vistosos e festivos, pero Barreiro Martínez, nado en Verducido hai agora 60 anos, ten devoción por ser discreto, de xeito que só acepta unha entrevista co grupo de sexto, que sairá na revista do centro, e un encontro duns minutos para analizar como é a Educación que deixa e como será a que lle espera a este colexio de referencia de Ponte Caldelas.

O profesor, que tamén foi concelleiro do BNG e do Goberno local ata hai uns anos, conta como, tras ser criado entre Verducido e Gaxate, onde súa nai era mestra e onde rematou os estudos elementais, tivo que ir a matricularse ao Bacharelato a Pontevedra. "O que se fai por un mesmo é o que nos espabila", lembra. Xa daquela se inclinaba polo Maxisterio, e despois de cursar esta carreira, dous anos de preparación valéronlle para aprobar a oposición, no 1987.

Desde entón, a súa especialidade de Matemáticas e Ciencias estaba case constantemente cuberta por mestres de promocións anteriores, e iso levouno a ter que percorrer ducias de centros nos que impartir esta ou outras materias. Tanto é así, que calcula que "en total, estiven en uns 30 ou 40 centros".

Percorrín uns 30 ou 40 centros (...) A miña primeira escola foi a de Campañó e a máis afastada, unha unitaria, nas Neves"

Deles recorda, con nitidez "o de Campañó", que foi a súa primeira escola, pero tamén o Padín Truiteiro de Arcade, porque alí puido encadenar algúns cursos e desde este centro de referencia, saía a facer substitucións en outros da zona. "O colexio máis afastado no que estiven foi unha unitaria nas Neves. Lémbroo con moito agarimo porque tiña un alumno de tres anos, varios de catro, e outros de primeiro e segundo de EXB, todos mesturados. Alí cheguei e botei dous meses organizándome e pensando como facer que todo funcionara. Os alumnos eran arraianos. Un pai chegou un día de recoller peixe das pesquerías que tiña no Miño e ensinounos unha lamprea. Eu nunca vira unha", relata.

Desa docencia duns a outros centros coa que se atopou Manuel Barreiro nos anos 80 e 90, lembra tamén o CEIP de Campo Lameiro, "onde puiden estar varios anos e tiven tamén moi boas experiencias".

Etapa sindical. O mestre Manuel, tal vez froito de todo ese percorrido, acabou sendo tamén representante sindical, e posteriormente liberado do Ensino, algo que, recoñece "levoume a entender a Educación, ou os centros doutra maneira. A veces, ao estar inmersos na docencia, parece que os vemos dun xeito, tendo en couta só os problemas dese posto, pero coa faceta de liberado, así como desde o cargo de presidente da Xunta de Persoal, tiven unha visión máis ampla".

O principal problema, segundo o seu punto de vista, "é común aos centros do rural e das zonas máis poboadas. Ao incorporar alumnos con distintas problemáticas, os centros pedimos máis apoio para poder poñer ao seu servizo as mellores opcións. Sempre se demanda que se rebaixen as ratios e contar con persoal de apoio que traballe encamiñado a que os alumnos e alumnas acaden a excelencia: é dicir, o mellor que poden dar, que non ten que ser un dez, ou un seis, senón a súa mellor versión dentro das súas capacidades".

En Ponte Caldelas. Con todo, despois de pechar a etapa sindical, e tras especializarse en Educación Física, materia que impartiu desde entón, o CEIP Cordo Boullosa foi un dos obxectivos que se fixou este docente. "Porque eu son de Ponte Caldelas, pero tamén porque o que coñecín e me atopei na miña etapa de liberado sindical xa me falaba dun gran equipo e dunha gran implicación".

No ano 2001, despois de pedir o traslado, conseguiu a praza definitiva e integrouse nun centro do que destaca que sempre foi unha vantaxe "contar cuns pais e unhas familias preocupados por protexer aos nenos e nenas e sacar o mellor deles", e tamén "cuns compañeiros moi involucrados, ante os que me motivei para traballar e atopar como porme á altura deles". Elvira Raposeira era, daquela a directora, comandada por Juan Ramón Boga e Isabel, a xefa de estudos e parte dese equipo fixouse en Manuel Barreiro para que asumira o relevo na dirección. "Fíxeno no 2010, en parte, porque pedín que Boga me acompañara, porque el era a alma auténtica deste centro".

Desde entón, o mestre de Educación Física foi tamén o motor para os distintos procesos en marcha para modernizar o colexio. "Cambios como o da biblioteca, que se transformou nesta etapa, o comedor, outras melloras como a da calefacción son cousas que se conseguiron con moita man esquerda, como digo eu, un pouco, estando no medio entre a administración autonómica, o Concello, pois dos concellos segue a depender o mantemento dos centros, e tamén as familias".

O alumnado e as problemáticas evolucionaron, co paso das décadas, pero tamén a figura do mestre e a mestra e as novas tecnoloxías. Todo isto é algo que a Manuel Barreiro só lle ofrece esperanza. "Eu non son dos que din que as novas promocións son peores. Entre os novos profesores que veñen atopei cada ano a xente con ilusión, moi preparada e con moitas ideas". Nas súas mans, pensa, está o futuro dunha Educación "que ten que adaptarse ao entorno, ás familias e ás novas situacións". Por iso, aínda que ten cumpridos os 60 e quedaba marxe por diante, entendeu que era o momento de xubilarse. "Hai que deixar espazo para que entren as novas promocións, e eu, con 37 anos e medio de servizo, penso que xa din o que tiña que dar", resume, para engadir que "o tempo dun, do lecer e da vida, tamén debe aprezarse e este é ese momento", engade.

Entre os novos profesores que veñen atopei cada ano a xente con ilusión, moi preparada e con moitas ideas"

Esta partida, lonxe de ser triste, para Manuel Barreiro é un motivo de alegría e así parece que llo quixo transmitir aos alumnos e alumnas. "Por sorte, con moitos exalumnos atópeime estes anos aquí, pois xa veñen cos seus nenos, e temos todos un grato recordo. A estes nenos e nenas que deixo pedinlles que dean de si o máximo nesta etapa e que fagan o mellor que poidan, para así poder ter unha vida plena e feliz, que é un gran logro. Animeinos a traballar para sentirse satisfeitos nas distintas etapas da vida que teñen por diante", indicou, para aclarar que "neste momento, se estudan e se implican obterán as formas de afrontar os seus problemas e retos do futuro da mellor maneira".

Sobre o centro pontecaldelano, recoñece que "só lle podo desexar cousas boas ao Cordo Boullosa. Que siga sendo este lugar de referencia que é agora e que encare as cuestións do futuro que afectan á Educación, como pode ser a baixa natalidade, ou outras, da mellor maneira: conservando no posible os postos que fan falta para sacar o mellor dos nenos e nenas".

O mellor: "Organizar o 50 aniversario"

Sempre hai momentos duros no labor docente, e eses, Manuel Barreiro son os que relaciona coas situacións de desigualdade dalgunhas familias e casos nos que entende que a comunidade ten que envorcarse "por eliminar a brecha, a diferenza que impide a eses alumnos progresar", xa que "a escola debe ser motor de igualdade". Como mellor recordo, destaca que "grazas a Trini Carballo, que impulsou ese evento, organizamos o 50 aniversario do centro, e foi incrible, primeiro, polo traballo que deu, que pensabamos que non cumpriamos os prazos, e, segundo, por poder ver xunta a toda a comunidade: as administracións, os exalumnos, a case todos os directores... Foi nese momento cando me din conta da importancia que tivo este colexio para a vila e o traballo que pasou o primeiro equipo directivo".

Comentarios