Aplauso unánime para a labor dos voluntarios de Cerdedo-Cotobade

O delegado territorial e o xefe provincial de Emerxencias apoiaron a homenaxe municipal ao grupo de Protección Civil
undefined
photo_camera Homenaxe aos voluntarios, no Auditorio de Cerdedo. DP

O Concello de Cerdedo-Cotobade rendiu este sábado homenaxe aos membros da Agrupación Local de Protección Civil cun acto no Auditorio de Carballedo no que houbo distincións para todos os voluntarios e recoñecemento para a labor desplegada, en especial desde o inicio da pandemia.

Ademais do alcalde, Jorge Cubela, acudiron ao evento o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, que achegou un saúdo e unha aperta do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o xefe provincial de Emerxencias, Miguel Dubois, e os alcaldes da Lama, Jorge Canda, e de Campo Lameiro, Carlos Costa, quen fixo entrega dunha placa de agracecemento a esta agrupación.

O presidente da Agrupación Local, Javier Lois, agraceceu a presenza das autoridades e lembrou aos seus antecesores no cargo, especialmente ao precursor da posta en marcha de Protección Civil, Gonzalo Barreiro, veciño de Pedre tristemente falecido. Tamén enxalzou o labor de José Luis Crujeiras a quen lle fixo entrega dunha placa de recoñecemento do seu traballo.

Jorge Cubela, á súa vez, salientou a vocación de servizo e de sacrificio dos integrantes deste colectivo antes de agasallar a cada un deles cun recordo da conmemoración. O alcalde non deixou de poñer en valor a súa constante formación en materia de emerxencias e, sobre todo, a alta dispoñibilidade "que fan desta unidade unha das máis operativas da contorna", afirmou.

Cubela agradeceulles o feito de "ser os primeiros" en auxiliar nun accidente, nun incendio, ou levando mediciñas e alimentos a confinandos nos meses da pandemia.

Os voluntarios e voluntaria foron felicitados tamén polo delegado territorial da Xunta, Luis López, así como polos rexedores dos concellos veciños. Ademais do agasallo conmemorativo do evento entregado aos voluntarios, tamén o alcalde, Jorge Cubela, recibiu unha placa así como varias autoridades presentes no evento.

Aínda que tiñan unidades propias antes de se fusionaren, a agrupación conxunta creouse catro anos atrás, ten 15 voluntarios e está presidida polo tamén concelleiro Javier Lois desde fai dous anos.

Comentarios