Aprobada a contratación do proxecto para a mellora da rúa Ramón Encinas

O Concello destinará preto de 55.000 euros á redacción do documento. A actuación está valorada en 800.000 euros do IDAE e fondos propios
undefined
photo_camera Estado actual da vía, nas proximidades do peirao de Raxó. DP

A aprobación do expediente de contratación para a redacción do proxecto técnico que rehabilitará de xeito integral a rúa Ramón Encinas de Raxó xa está sobre a mesa. Así o confirmou o concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica de Poio, Gregorio Agís, quen tamén deu conta da ambiciosa actuación que acondicionará a vía e mellorará a seguridade peonil na fronte costeira desta parroquia poiense, nas proximidades do peirao.

A actuación está presupostada en máis de 800.000 euros será financiada a través de fondos europeos obtidos a través do do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE), dependente do Goberno estatal. As xestións realizadas por este departamento municipal serviron para obter 563.088,15 euros, cos que se cubrirá o 80% do orzamento, mentres que o 20% restante será asumido polo propio Concello.

Con respecto á redacción do proxecto técnico, Agís Gómez sinalou que esta tarefa, que xa recibiu o visto e prace da Xunta de Goberno Local, contará cun orzamento que ascende a 54.563,74 euros, IVE engadido. "Nos Orzamentos municipais de 2021 xa incluímos unha partida específica para a redacción de proxectos de gran calado, que realizaremos a través da obtención de fondos europeos", lembrou o titular de Urbanismo.

Convocarase unha xuntanza coa veciñanza da parroquia de Raxó para expoñer os detalles do proxecto, de gran calado

Agís, ademais, garantiu que o documento terá en conta as demandas da veciñanza. "Estamos a falar dunha actuación capital para o núcleo de Raxó, que é un referente a nivel turístico e hostaleiro", valorou. Por iso, o edil do Goberno municipal anuncia que se convocará unha xuntanza co tecido social da parroquia, para expoñerlles os detalles da obra e "recoller as súas propostas e suxestións, sempre que sexa posible".

A actuación, neste sentido, busca facilitar a convivencia no tránsito a pé ou en bicicleta, reducindo a circulación de vehículos e mellorando a seguridade viaria, ao tempo que se logra unha importante redución da pegada de carbono. A obra incluirá a dotación dunha plataforma única nunha lonxitude de preto de 300 metros, ademais da creación de dúas zonas exclusivas para peóns, unha na parte máis próxima á praia e outra ás vivendas e locais existentes na zona, o que redundará "nunha mellora da accesibilidade", segundo sinala Gregorio Agís. Ademais, o proxecto tamén inclúe a renovación do alumeado e a dotación de servizos como unha rede de pluviais.

PRAZOS. A obra deberá estar lista no verán de 2023, tal e como marcan os prazos establecidos polo Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE). Actualmente, e tras a aprobación da contratación da redacción do proxecto, o Concello de Poio conta con seis meses para realizar os trámites previos á contratación da obra, polo que, para chegar a ese punto, a aprobación da redacción do proxecto, xa en marcha, é o primeiro paso.

O edil de Urbanismo salientou a importancia de "ter reservados fondos propios para a xestión de axudas de gran calado", que agora redundan nunha actuación moi demandada pola veciñanza da contorna. Esta medida incluíuse no Plan Activa21, impulsado polo Goberno local para reactivar a economía local como resposta á crise sanitaria da covid-19.

Comentarios