Respaldo dos tres partidos con representación en Poio para a primeira operación de crédito do Goberno do PP de Ángel Moldes.
A Corporación aprobou no pleno unha operación destinada, na súa maior parte, a pagar unha parte das facturas de investimentos que quedaron sen pagar no anterior mandato, por valor de 423.804,64 euros. Do mesmo xeito, cos fondos solicitados, realizarase a compra da antiga gardería de Campelo para convertela no Centro de Día de Poio, para a que se reservan 300.000 euros.
O tema da nova operación de crédito, medida moi criticada polo PP na súa etapa na oposición, non deixou de recibir a censura dos dous partidos que agora ocupan esta bancada, aos que o alcalde lles respostou enumerando cada unha das preto de 70 facturas de autónomos e pequenos empresarios, moitos deles de Poio, que se van abonar con cargo a este préstamo. "Non estamos alarmando coa situación económica do Concello, estamos informando da realidade", atallou Moldes, quen afirma que pedir o novo crédito é "un acto de responsabilidade para pagar os pufos que deixastes en vésperas das eleccións municipais, porque a alternativa sería non pagalas e provocar a ruína a todas esas persoas".
Fronte a iso, tanto BNG como PSOE indicaron que votarían a favor por coherencia cos gastos, na súa maior parte de pequenas obras de mantemento en parques e espazos públicos, pero afearon o discurso de que Poio este en números vermellos. "Se o estivese, ningún banco concedería ningún crédito, e a Intervención e o Tribunal de Contas actuarían, pero non o están a facer", indicou a voceirado BNG, Marga Caldas. Gregorio Agís, do PSOE, sinalou que o periodo de pago do Concello era "duns 17 días" e que "non había facturas anteriores a xuño, o que dá idea da solvencia financieira do Concello".
Ambas formacións destacaron ademais que o remanente de Tesourería deste ano "probablemente" volva a ascender a dous millóns de euros, como en 2022.
Fronte a iso, o PP sinala que aínda hai facturas pendentes que os técnicos están revisando e comprobando se están feitas e se axeitan aos prezos do mercado. O rexedor tamén destacou que converter a antiga gardería de Campelo no Centro de Día de Poio é "unha realidade que estamos a piques de conseguir en menos de tres meses do novo Goberno".
Na mesma sesión tamén se acordou iniciar os trámites necesarios para crear un ente supramunicipal de xestión de auga e dotar dunha regularidade administrativa coa que garantir a igualdade das condicións nas que se presta o abastecemento de auga á poboación de Poio, Pontevedra, Marín, Bueu, Sanxenxo, Vilaboa e Ponte Caldelas.
Outros dos puntos que recibirono apoio unánime foron asinar convenios de colaboración educativa coas universidades de Santiago de Compostela e de Vigo para que o alumnado poida realizar prácticas extracurriculares no Concello.