Arqueólogos buscan ADN de Cristóbal Colón na igrexa vella de San Salvador de Poio

Esta ambiciosa sondaxe custará arredor de 30.000 euros e poderá arroxar luz na investigación sobre a orixe do descubridor e máis un estudo do patrimonio preventivo e avaliativo
Eduardo Esteban e os arqueólogos Mateo Fontán e antonio Castro na igrexa vella de San Salvador. DAVID FREIRE
photo_camera Eduardo Esteban e os arqueólogos Mateo Fontán e antonio Castro na igrexa vella de San Salvador. DAVID FREIRE

Un equipo de arqueólogos iniciará unha sondaxe arqueolóxica na igrexa vella de San Salvador de Poio o próximo martes, día 8 de novembro. O obxectivo principal desta incursión é comprobar se achan ADN de Cristóbal Colón seguindo as liñas sucesorias do descubridor do século XV atopadas en Galicia. Para iso terán que excavar no antigo camposanto.

O proxecto está apoiado pola Universidade de Granada e a Asociación Cristóbal Colón Galego, que dirixe Eduardo Esteban. Nesta excavación que se prevé que dure catro días investíronse arredor de 30.000 euros. Os expertos non só procuran investigar a orixe do descubridor de América, senón tamén estudar o patrimonio da zona. A iniciativa arqueolóxica en Poio estará dirixida polo arqueólogo Mateo Fontán e contará co especialista Antonio Castro.

A excavación

Os traballos consistirán en abrir no adro do templo vello da igrexa de San Salvador unha sondaxe manual. A incursión ocupará uns catro metros cadrados de "dimensión superficial", explica Castro.

Segundo Fontán, as condicións da terra galega ("que tende a ser aceda"), a chuvia e a humidade determinarán se pode haber algún rastro do ADN nalgún óso dos presuntos descendentes de Colón (seguindo a liña de investigación do patrilinaxe, isto é seguir a liña sucesoria do pai do descubridor). "Esas condicións non permiten que se conserve ben a materia orgánica", comunica Antonio Castro.

Segundo os expertos, na zona de Pontevedra e en concreto no municipio de Poio, "durante o século XV rexístrase a unha familia de Colón e é onde hai máis probabilidades de atopar ADN". Por iso amósanse esperanzados a dar con algunha pista sobre a orixe do navegante.

O presidente da Asociación Cristóbal Colón Galego fai fincapé no feito de que "Colón esta muy relacionado con el gremio de los mareantes como los armadores de barcos que hicieron la nao de Santa María". Isto relaciona a Colón coa nobreza da zona e dá xustificación a que se investiguen os restos das familias podentes da zona.

Sondaxe en Vilaxoán

De forma case simultánea farase unha investigación dos sarcófagos da Igrexa parroquial de San Martiño do Sobrán, en Vilaxoán. Alí a expedición será dirixida por Castro.

Pola súa parte, Eduardo Esteban indica que a investigación ten unha relevancia científica máis que histórica. "Nosotros lo que queremos es encontrar ADN", señala.

Aínda así, o equipo investigador comunica que "todo o que atopen na excavación será ben recibido".

Segundo os arqueólogos, o estudo será sempre positivo para esta rama do coñecemento xa que "con isto podemos coñecer mellor o noso patrimonio e nosa historia".

Pensando xa nos futuros investigadores, os expertos indicaron que se extraerán máis ósos do camposanto a fin de conservalos e de cara a evitar así violentar o terreo en próximas excavacións ou perder máis material orgánico por efectos da descomposición natural.

Comentarios