Arquivan a causa polas obras da piscina de Barro: "Eran falsidades e un disparate"

Fernández Abraldes atribuíu a denuncia presentada polo voceiro do PP a un acto de "odio"
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes. GONZALO GARCÍA
photo_camera O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, compareceu este martes no Concello. GONZALO GARCÍA
Xusto cando falta un mes para que se cumpran dous anos dende que o Partido Popular anunciara que levaría á Fiscalía supostas irregularidades no acordo plenario de modificación do contrato de construción da piscina municipal de Barro, abrindo así un proceso que levou ao alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, a pasar polo Xulgado de Caldas, dáse a coñecer o sobresemento provisional das actuacións e o arquivo da causa.

Así o recolle o auto do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Caldas de Reis, con data do 23 de marzo de 2021, que en só unha cara e media detalla que "o expediente levouse a cabo seguindo os trámites legalmente establecidos, sen que exista ningunha irregularidade" e que o Concello contratou a unha empresa externa que, tal e como explicou o propio Abraldes, "fixo un seguimento diario por 12.000 euros", emitindo informes periódicos dando, segundo o auto, "conta da corrección", ao igual que a supervisión por parte dos técnicos da Deputación, que "deron o visto e prace, incluíndo o modificado". Este "non supuxo un exceso no orzamento inicial" nin un incremento superior ao 21%, como denunciaban os populares, quedando "no 15%".

O outro pilar da denuncia formulada polo voceiro do PP, José Antonio Landín, que se baseaba nun suposto informe técnico que sinalaba partidas duplicadas queda tamén desacreditado no auto, que o cualificou de "conclusións persoais. A credibilidade do señor enxeñeiro é nula", reza o auto.

Fernández Abraldes compareceu este martes para reafirmar que "tiñamos a seguridade de que o proceso de adxudicación e execución do proxecto da piscina foi impecable, feito con todo rigor e seriedade" e cualificou as supostas probas presentadas polo voceiro popular de "disparate, que define tal e como é a oposición do PP neste concello. Se as falsidades que utilizaron para presentar a denuncia foron a propósito, é un tema grave. Pero se foi polo seu descoñecemento e incapacidade, aínda é peor, porque os inhabilita para exercer calquera cargo público", afirmou. En canto ao suposto informe técnico, o alcalde valorou como "pouco profesional que un suposto técnico poña en dúbida o traballo dos técnicos municipais sen coñecer o proxecto nin o proceso. É de moito atrevemento. Eu estou na vida política e podo sufrir críticas, pero paréceme indecente poñer en cuestión aos traballadores públicos", lamentou.

Fernández Abraldes valorou este episodio como un acto de "odio" que levou ao voceiro popular a "facer pasar ao alcalde polo Xulgado. Os membros do PP denunciaron as supostas irregularidades en plena campaña electoral, na semana antes das eleccións. Despois de que sacaramos a maioría absoluta produciuse un momento de frustración que se traduciu nesta denuncia. É o epílogo á traxectoria do voceiro do PP na política municipal. Estivo 32 anos na Alcaldía e considerou que o Concello era da súa propiedade, nunca aceptou que a veciñanza o mandara á oposición en 2015", valorou.

A denuncia. Lei de Contratos e "opinión" dun enxeñeiro
A piscina municipal de Barro tivo un orzamento de aproximadamente 360.000 euros con cargo á Deputación que, "tal e como fixo o PP", sumando o modificado que se fixo necesario segundo avanzaba a obra, chegaba a máis de 400.000 euros, aos que, segundo o alcalde, "hai que restar o 18% correspondente á baixa que ofertara a adxudicataria e, como o modificado era do 16%, non se chegaron a consumir os 360.000, aínda sobraran máis de 3.000 euros".

Segundo a tese defendida polos populares, incumplíase a lei de contratos e o Prego de contratación, que dicía que se podía facer un modificado máximo dun 20%. Neste sentido, a acusación particular basouse en que o porcentaxe do modificado era do 21%, segundo explicou Abraldes, "comparando a cifra maior do modificado (con Ive) e sen aplicarlle a baixa que ofertara a empresa co importe do proxecto inicial (sen Ive), aplicándolle o 18% da baixa". O auto desacredita isto así como a valoración do enxeñeiro "amigo dun dos concelleiros do PP", que "opinou" que puideron ser duplicadas algunhas partidas.

Comentarios