domingo. 20.09.2020 |
El tiempo
domingo. 20.09.2020
El tiempo

Arranca o desafío do saneamento da ría de Pontevedra

Recreación virtual de la ampliación de la de Os Praceres proyectada. XUNTA
Recreación virtual de la ampliación de la de Os Praceres proyectada. XUNTA

CONTRATACIÓN. O Goberno autonómico prevé adxudicar a construcción do novo emisario de Os Praceres a principios de 2020

BENEFICIOS. A obra é imprescindible para garantir a recuperación ambiental das augas, a produtividade marisqueira e o turismo

O saneamento da ría de Pontevedra é a gran materia pendente para asegurar a calidade das augas do literal galego. O ano 2020 será clave para avanzar nese obxectivo. Deste xeito, a ampliación da depuradora de Os Praceres e o proxecto de construcción dun novo emisario están xa en marcha. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, formalizou o pasado mes de outubro o contrato para executar as obras de mellora do proceso de depuración da estación depuradora de augas residuais dos Praceres, en Pontevedra, por un importe de preto de 13 millóns de euros. Ao mesmo tempo, ten aberto o proceso de licitación do novo emisario. O Goberno autonómico considera "imprescindible" actuar para garantir tanto a recuperación ambiental das augas como a produtividade marisqueira e a actividade turística.

Os traballos de mellora da depuradora serán executados pola unión temporal de empresas Acciona Construcción, S.A. & Acciona Agua, S.A., e dispoñen dun prazo de execución de 27 meses, desde o inicio das obras. En concreto, o contrato prevé un prazo de 3 meses para a redacción do proxecto e de 12 para a súa execución, ademais doutros 12 para a posta en marcha dos novos tratamentos.

Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Esta reforma tecnolóxica permitirá mellorar substancialmente a curto prazo a depuración das augas residuais dos concellos de Marín, Poio, Pontevedra e Vilaboa, co obxectivo de cumprir os límites de vertido marcados pola Directiva 91/271/CEE.

A intervención contempla a remodelación do tratamento secundario existente, co fin de garantir a correcta depuración de ata 900 l/s de auga residual. A solución proxectada consistirá na modificación do reactor biolóxico existente para dispoñer dun tratamento de leito móbil e unha posterior clarificación das augas mediante un proceso físico-químico con lastrado por microarea.

Planificación. Da depuradora ao novo emisario
A Xunta porá en marcha en 2020 as obras deseñadas para mellorar as obras da ría de Pontevedra, empezando pola reforma da depuradora dos Praceres e continuando coa construcción dun novo emisario submarino. O obxectivo é garantir a calidade das augas para blindar a produtividade pesqueira e o turismo.

 

Adicionalmente, ampliarase a liña de fango para ter en conta as novas achegas e realizaranse unha serie de actuacións previas para manter o funcionamento da depuradora durante as obras.

Os traballos poden subdividirse en 5 fases: as actuacións previas, a conversión dos reactores biolóxicos a leito móbil, a implantación dunha etapa de clarificación das augas depuradas, a reforma do edificio de control e, finalmente, a da liña de tratamento de fangos secundarios.

EDAR. Para seguir avanzando o departamento hidráulico da Xunta ten iniciada a tramitación ambiental para a ampliación da depuradora de Os Praceres, que suporá un investimento de 50 millóns de euros. Esta ampliación contempla un capítulo extenso de integración no entorno que prevé que os novos terreos sexan os dos que actualmente ocupan as balsas de Ence, afastándose así das vivendas. O proxecto tamén inclúe a cubrición total e desodorización dos procesos con máis impacto, o amortiguado do impacto visual poñendo do lado das casas zonas verdes e as edificacións máis baixas e a construción dun novo campo de fútbol no espazo do actual.

PRAZOS. As obras de mellora da depuradora están xa adxudicadas e dispoñen dun prazo de execución de 27 meses

Os técnicos de Augas de Galicia estiveron analizando todas as tecnoloxías dispoñibles e as alternativas posibles antes de decantarse por esta decisión, cumprindo así o compromiso adquirido. Deste xeito, analizáronse catro alternativas empregando tres tecnoloxías diferentes que cumpren os condicionantes iniciais. Así, as opcións contempladas foron a biofiltración, o tratamento biolóxico e ultrafiltración con membranas, MBBR (biorreactor leito móvil) con decantación lastrada ou MBBR (con zona anóxica) e decantación lastrada, que foi a escollida finalmente.

A nova EDAR inclúe reactores anaerobios e decantación secundaria estática que permitirán a redución de reactivos químicos; a dixestión anaerobia de lodos e recuperación enerxética do biogás; a desodorización de tódolos elementos ou procesos nos que se poidan xerar olores (ademais prevense en espazos pechados) e a rexeneración urbana do entorno entre a EDAR e o núcleo de Praceres e integración paisaxística da EDAR.

TECNOLOXÍA. Estudáronse varias alternativas das tecnoloxías dispoñibles para a ampliación da EDAR antes de tomar a decisión final

A conselleira de Infraestructuras e Mobilidade, Ethel Vázquez, considera que o feito de ser unha zona sensible obriga a uns tratamentos especiais para a eliminación de nitróxeno e fósforo que requiren de máis superficie; e engaden que aínda empregando as tecnoloxías máis compactas dispoñibles e que en Praceres se trataran só as augas do concello, a depuradora debería ser ampliada igualmente. A responsable autonómica indicou tamén que se está ultimando o anteproxecto de ampliación da depuradora que contempla a incorporación dos procesos de eliminación de nitróxeno e fósforo para dar cumprimento ás exixencias europeas.

Con esta actuación tamén se aproveita para incrementar a capacidade da depuradora e do bombeo de Cocheras co fin de eliminar os vertidos que se veñen producindo na zona.

A ampliación da EDAR é unha actuación "imprescindible" para dar cumprimento á lexislación vixente en materia de tratamento de augas, cumprir cos límites de vertido de nitróxeno para zona sensible (segundo marca a Directiva 91/271/CEE) e permitir a adecuada depuración das augas en tempo seco e de choiva.

COLABORACIÓN. A mellora da depuradora está cofinanciada pola Unión Europea a través dos fondos FEDER nun 80% no marco do programa 2014-2020

EMISARIO SUBMARINO. A reforma da depuradora de Os Praceres completarase coa construción dun novo emisario submarino, que permitirá unha mellor devolución das augas limpas á ría, dando cumprimento aos compromisos adquiridos coa UE. Este contrato foi licitado o pasado mes de agosto por 12,1 millóns de euros e a súa adxudicación prevese no primeiro trimestre de 2020. O prazo de execución establécese en 18 meses.

A reforma da depuradora e a construción do novo emisario submarino forman parte do Plan de saneamento local elaborado tras unha exhaustiva análise do actual sistema que foi dialogado cos concellos e os mariscadores da ría.

O emisario submarino permitirá unha mellor devolución das augas limpas á ría, cumprindo coas normas da UE

Ese plan inclúe a necesidade de acometer outras actuacións, entre elas, a mellora das redes de saneamento municipais polas que se producen infiltracións indebidas.

Un total de 9 empresas presentaron as súas ofertas para a elaboración do proxecto e a execución das obras do novo emisario submarino. Esta obra hidráulica está declarada de interese da comunidade autónoma no Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa.

A actuación divídese en dúas partes: a obra terrestre, que se corresponde coa execución da cámara de carga e estación de bombeo a emisario, e o emisario submarino. As obras proxectadas darán servizo a unha poboación aproximada de 141.204 habitantes para o ano horizonte 2042.

O obxectivo é executar un novo emisario submarino que separe os vertidos industriais e os residuais e que conte coas dimensións axeitadas ás necesidades actuais e futuras da poboación.

Cómpre lembrar que este proxecto incorporou varias modificacións coa fin de dar solución ás cuestións suxeridas no proceso de información pública o que supuxo un incremento duns 2 millóns de euros sobre o orzamento previsto inicialmente. Neste sentido, modifícase a localización da cámara de carga e da estación de bombeo a fin de reducir o seu impacto visual, deixando libre a fachada litoral. Tamén se incrementa a lonxitude do tramo inicial no túnel do emisario de cara a non afectar aos bancos marisqueiros a pé de Os Praceres, sen que esta medida implique un incremento do volume de escavación.

O tramo en túnel está realizado mediante HINCA. (370 m de lonxitude) e conta cun tubo de formigón armado (Dint=1600 mm). A cámara de carga empregaríase como pozo de ataque durante as obras para a perforación. Microtuneladora con cámara hiperbárica que obriga a incrementar o diámetro interior deste tramo a 1600 mm. Ademáis, empregarase un perfil lonxitudinal buscando grandes recubrimentos por seguridade: 10 metros baixo o nivel medio do mar e 8 metros baixo leito mariño.

O proxecto autonómico contempla a rexeneración da paisaxe e a construcción dun campo de fútbol no entorno de Os Praceres

O tramo fondeado estará nun primeiro tramo enterrado en gabia, cun dragado e fondeo de tubo, e posterior recheo. Cunha lonxitude de 930 m. PEAD con lastres convenientemente espaciados (6,5 m). Existen dous treitos diferenciados: os primeiros 330 metros a tubería vai completamente soterrada, nametres que nos seguintes 600 metros vai soterrada só parcialmente, aflorando paulatinamente ata que pasa a estar apoiada sobre o fondo mariño.

Nun segundo tramo, estará apoiado no fondo marino. Executado por fondeo, cunha lonxitude de 1.725 m. (PEAD Dint1200 mm) con lastres convenientemente espaciados (8 m).

Finalmente, contará cun tramo difusor apoiado no fondo mariño. A execución realizarase por fondeo cunha lonxitude de 592,23 m. 60 elevadores; 120 difusores. PEAD Diámetro variable de 1200 a 800 mm con lastres cada 8 m.

A cámara de carga terá unha altura total de 14,70 m. (e a altura sobre o terreo 7,40 m) e funcionará por gravidade normalmente (aforro enerxético). A estación de bombeo terá unhas dimensións interiores con 4,75 metros de profundidade, catro bombas entubadas de 75 kw (o máximo rendemento enerxético) e un caudal máximo de bombreo de 2m3/s.

As obras nos Praceres levarán aparellada unha rexeneración arquitectónica e paisaxística na zona. O espazo entre a EDAR e o núcleo de Os Praceres é unha explanada de Dominio Público Marítimo Terrestre delimitada por infraestruturas viarias (a estrada PO-11 e a vía ferroviaria que vai ó Porto de Marín) e a EDAR. Conta cunha superficie de máis de 23.000 metros cadrados na que non existe unha delimitación clara de usos xerando un espazo de oportunidade.

Polo seu estado, a Xunta de Galicia considera necesaria unha rexeneración urbana deste espazo para a que se trazaron diferentes estratexias. Entre as medidas que se tomarán establécese a zonificación do espazo dando lugar a unha franxa verde ó longo de todo o perímetro da EDAR para favorecer a integración visual da actuación.

No borde suroeste (cara o núcleo de Os Praceres) disponse unha menor ocupación, menores volumes de construción e elementos con menor impacto (tratamento terciario, bombeos, edificio taller e vestiarios).

Previsión. Todos os traballos terán rematado no ano 2023

O calendario que manexa a Xunta de Galicia da por rematadas todas as obras de saneamento da ría de Pontevedra no segundo semestre de 2023. 

A previsión é que durante os primeiros seis meses de 2020 comece a execución da mellora da actual EDAR, que terá que estar rematada a mediados do 2021. Nese momento sairá a licitación a ampliación da EDAR, un proceso burocráctico para o que a Xunta de Galicia conta con que se prolongue durante todo o ano 2021 e será, no primeiro semestre de 2022, cando comecen os traballos que rematarán antes de que finalice o ano 2023. 

No tocante ó novo emisario, actualmente atópase en proceso de licitación e agárdase que nos próximos seis meses remate esta fase administrativa para comezar  cos traballos de execución. 

O prazo de realización das obras é de 18 meses polo que cacúlase que estean rematados antes de que comece 2022.

Orzamento 2020 

Dos máis de 45,3 millóns de euros previstos nos orzamentos da Xunta de Galicia de 2020 para o apartado hidráulico na provincia de Pontevedra, case 18 adícanse á mellora da depuradora. Outros proxectos son a mellora do sanemento de Teis (Vigo), do abastecemento aos núcleos de Tabeirós e Nigoi (A Estrada), o saneamento e depuración de Lalín e os sistemas de depuración municipais de Cerdedo-Cotobade.

 

Co gallo de acadar unha efectiva transición, tamén se verá afectada a disposición da vexetación.

No que respecta aos procesos con maior xeración de olores, prevese que se realicen en edificios pechados e debidamente desodorizados. Ademais sitúanse na zona central da parcela prevista para a EDAR e máis afastada das vivendas.

No borde nordeste prevese a decantación secundaria, de gran superficie pero que se trata dun proceso con mínimo impacto oloroso e visual (mínima altura sobre a rasante do terreo).

Realizarase unha uniformización da lectura do conxunto para unha mellora das condicións da envolvente existente (carpintarías, materiais) e renovación e modernización dos acabados en construción e peches (chapa deployé, cores dos paramentos e texturas).

CONECTIVIDADE. O proxecto tamén contempla novas vías peonís de conexión, articulación e comunicación coa ría e cos núcleos de Os Praceres e O Cabo (mediante a pasarela peonil sobre a PO-11) e a continuidade da senda peonil ata Pontevedra. Estes percorridos, xunto cos que se realizan en vehículo, introducen un factor asociado á velocidade e o tempo de percorrido, que será considerado para a configuración das masas vexetais (secuencia, cor, estacionalidade, barreira para a contaminación acústica, etc.) e polo tanto no tipo de percepción que se produce en función do modo de percorrer o espazo. O proxecto tamén recolle as estratexias para a rexeneración da paisaxe no entorno de Os Praceres. Así, incluiranse especies arbustivas ou aromáticas, atendendo ás variacións estacionais para marcar, para delimitar os diferentes espazos.

Arranca o desafío do saneamento da ría de Pontevedra
Comentarios