Arrinca en Combarro a Concentración de Embarcacións Tradicionais

Poio disporá de 'puntos lila' na Chousa e na Seca co gallo do Armadiña Rock

Unha edición pasada do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Poio. ARQUIVO
photo_camera Unha edición pasada do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Poio. ARQUIVO

Combarro acolle durante esta fin de semana unha das grandes citas da Festa do Mar, a Concentración de Embarcacións Tradicionais, organizada polo Club Mariño A Reiboa en colaboración co Concello de Poio. Máis de 30 participantes acoden a esta cita desde a tarde deste venres, cando toca a habitual recepción e cea de tripulacións, e ata o domingo. 

O groso da programación desenvolverase o sábado 27, coa celebración das primeiras regatas, incluía a Regada da Reiboa, puntuable para a Copa Mörling. 

Xa o domingo 28, haberá unha navegación libre pola ría, antes do xantar previo á despedida. O edil de Festexos, Xosé Luís Martínez, lembra que este ano as e os participantes poderán fondear nas inmediacións do peirao da Chousa, o que "fará que a xente que estea en Combarro poida presenciar unha imaxe moi fermosa e atractiva, como tamén o é a das embarcacións navegando pola ría".

Durante estas dúas xornadas, asemade, volverá a Mostra da Canción Mariñeira, na Praza da Rualeira, ás 20.30 horas. O venres actúan Vento Mareiro Forza 5 (O Morrazo), Os Saljariteiros (Marín) e Os Palleta Mollada (Bueu), mentres que o sábado será a quenda de Os Chispas do Lérez (Combarro), Cantareiras Bulideiras (Vilagarcía) e Cambio de Pola (Redondela). Na noite do sábado será cando se faga entrega dos premios do certame.

Festival Armadiña Rock

Logo da súa estrea positiva durante as Festas de San Xoán, a campaña FPS-Festas de Poio Seguras, impulsada pola Concellería de Igualdade e o CIM de Poio, regresa esta fin de semana durante a celebración do Festival Armadiña Rock.

O departamento dirixido pola tenente de alcalde, Silvia Díaz, habilitará dous puntos lila durante as noites do venres e do sábado. Este servizo estará operativo na Praza da Chousa, entre as 22.00 e as 2.00 horas do día seguinte, e nas inmediacións do espazo de acampada situado na Seca (San Xoán), de 19.00 a 22.00 horas. 

No punto lila as persoas asistentes ao festival recibirán asesoramento en materia de prevención de comportamentos machistas, así como atención en caso de ser vítimas ou testemuñas dunha agresión deste tipo. Ademais, distribuiranse folletos de sensibilización e pulseiras reflectoras co lema das Festas de Poio Seguras. Todo este material inclúe un código QR impreso, a través do cal, mediante o uso de dispositivos móbiles, os usuarios e usuarias poden acceder a un espazo habilitado na páxina web do Concello, no que se ofrece un decálogo de identificación e actuación ante comportamentos sexistas, así como de información de contacto e recursos. 

Silvia Díaz anima ás persoas asistentes a que se acheguen a este punto de información "para resolver calquera tipo de dúbida, tanto por parte de mulleres como de homes" e recorda o bo funcionamento que tivo durante as Festas de San Xoán, cando se habilitou por primeira vez. Durante as noites do 25 e 26 de xuño, coincidindo con algúns dos concertos máis multitudinarios do programa, achegáronse ao punto máis de 500 persoas.

Comentarios