A artesanía vólvese feira en Ponte Caldelas

A vila do Verdugo acolleu a III edición do mercado de artesáns no que participaron 35 profesionais de distintas disciplinas e realizaron exhibicións do seu labor ▶ A proposta contou coa participación de varias artesás da comarca

Un dos postos abertos no Pavillón de Deportes caldelán, onde se celebrou a III Feira de Artesanía. RAFA FARIÑA
photo_camera Un dos postos abertos no Pavillón de Deportes caldelán, onde se celebrou a III Feira de Artesanía. RAFA FARIÑA

O Pavillón de Deportes de Ponte Caldelas acolleu este domingo a celebración da terceira edición da Feira de Artesanía desta localidade, promovida pola artesá local Arantxa Esperón, (que promove o posto Arantxa das miñas mans) co apoio do Concello.

A mostra contou coa participación de 35 expositores diferentes chegados desde distintos puntos de Galicia con propostas novidosas, como as pezas de vidro tallado, as de pedra que emulan os petróglifos, as propostas en lá tinguida e os xabóns ecolóxicos de Verena, unha veciña de A Lama que, ademais, realizou demostracións do proceso de cardado da lá e tamén da elaboración dos xabóns. O pavillón mantívose aberto desde as 11.00 horas ata as 20.00 e contou con animación para os máis cativos, así como a participación dos grupos As sete faixas e Os Xeitosos, ambos da Insua, para darlle vida ás instalacións.

Un dos postos abertos no Pavillón de Deportes caldelán, onde se celebrou a III Feira de Artesanía. RAFA FARIÑA (2)

No interior do pavillón, os asistentes puideron escoller entre prendas calcetadas a man, obxectos elaborados con cunchas do mar, xoias labradas a man, calzado como zocos e botas realizados artesanalmente e mesmo xogos e xoguetes de fabricación galega realizados pola empresa Brazolinda.

A proposta contou tamén cun posto de alimentación no que degustar empanada e outras especialidades para poder completar así a visita.

Un dos postos abertos no Pavillón de Deportes caldelán, onde se celebrou a III Feira de Artesanía. RAFA FARIÑA (3)

O mercadiño de artesanía xurdeu fai tres anos como resposta ao desexo de Arantxa Esperón de poder ofrecerlle aos seus conveciños de Ponte Caldelas o mesmo formato de feiras de artesanía que ela como profesional estaba a descobrir en outras localidades da contorna. A data escolleuse pensando na proximidade do mes de Nadal, pero tratando de evitar a aglomeración de eventos que se produce en decembro.

Ademais desta cita, a vila de Ponte Caldelas celebra dúas feiras convencionais ao mes, os días 5 e 25, na contorna da Alameda, aínda que nese caso os máis de cen postos que participan son maioritariamente de produtos textís e calzado convencionais.

Un dos postos abertos no Pavillón de Deportes caldelán, onde se celebrou a III Feira de Artesanía. RAFA FARIÑA (4)

Comentarios