A asociación Armadiña retoma os faladoiros literarios de 'Un ronsel de historias'

Nee Barros, Eva Dopazo, Eva Mejuto e María Xesús Nogueira serán as protagonistas dos domingos literarios 
Eva Mejuto e Nee Barros participarán por separado nesta edición. RAFA FARIÑA
photo_camera Eva Mejuto e Nee Barros participarán por separado nesta edición. RAFA FARIÑA

A ACDeM Armadiña organiza no mes de maio a cuarta edición de Un ronsel de historias, un ciclo de faladoiros literarios que acollerá este ano conversas con Nee Barros, Eva Mejuto, Lara Dopazo e María Xesús Nogueira.

As citas terán lugar na Praza da Rualeira de Combarro catro domingos do mes das letras galegas a partir das 12.00 horas.

Como o aforo é limitado, para poder asistir, será necesario reservar praza no correo [email protected] indicando o faladoiro ao que se quere asistir e datos persoais.

A proposta dará comezo o día 9 de maio, data na que Nee Barros presentará o libro Identidade, un texto teatral publicado pola Editorial Galaxia que aborda a realidade trans.

O 16 de maio, será a quenda do álbum As lavandeiras de San Simón (Edicións Xerais de Galicia, ilustrado por Bea Gregores) motivará unha conversa con Eva Mejuto arredor da literatura infantil e a memoria histórica.

O 23 de maio, Lara Dopazo presentará o conxunto de relatos O axolote e outros contos de bestas e auga, texto que mereceu o Premio Illa Nova de Narrativa no ano 2020.

Por último, o 30 de maio, a través do libro De certo, a vida ía en serio (Chan da Pólvora), a filóloga María Xesús Nogueira pechará o ronsel compartindo os seus coñecementos sobre Xela Arias, figura homenaxeada no Día das Letras Galegas 2021 e autora que Nogueira leva tempo investigando e divulgando.

Grazas á colaboración da Librería Combarro, poderanse adquirir os libros en cada evento. O deseño do cartel é obra da empresa local Máis Deseño.

Esta e a quinta ocasión na que se organiza Un ronsel de historias, faladoiro no que xa teñen participado autores e autoras como Ana Cabaleiro, Iria Collazo López e Luz Beloso, Míriam Ferradáns, Xesús Constela, Antón Blanco Casás, Fina Casalderrey, Carme Adán ou Cristina Corral.

Comentarios