A A.VV. A Laxe afirma que os balizamentos de Raxó son "un remendo que non vale"

Piden a Portos que instale "con urxencia" unha varanda provisional para garantir a seguridade mentres non se executa a humanización 
Portos instalou máis elementos na estrada do peirao. A.V. A LAXE
photo_camera Portos instalou máis elementos na estrada do peirao. A.V. A LAXE

A veciñanza da zona do peirao de Raxó foi testigo, nas últimas horas, da continuidade da instalación do balizamento na contorna da praia, unha actuación que xa fora criticada ao seu comezo, no mes de novembro, e que agora completou a súa segunda serie de instalacións en todo o perímetro do areal, incluso nas zonas que dispoñen da vella varanda. Neste sentido, dende a Asociación de Veciños A Laxe criticaron duramente a actuación, que "non resolve ningún problema", e pediron que se instale "con urxencia" unha varanda perimetral provisional para salvar o desnivel existente co areal, que constantemente adoita ser a causa da caída de vehículos á praia, mentres non se executa a obra de humanización en mans de Portos de Galicia pola que, aseguraron, "levamos agardando 12 anos". 

Así o explicou o presidente da Asociación, Cándido Dasilva, quen tamén urxiu á necesidade de contar coa presencia da presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, na zona, a fin de recoñecer o estado da vía, na que "teñen que convivir coches, terrazas e peóns". Neste sentido, Dasilva apelou á promesa "que nos fixeron dende Santiago, onde nos dixeron que se colocarían varandas mentres non se faga a obra definitiva". Dasilva criticou que "os políticos fan as cousas sen falar coa Asociación, que é a que recibe as queixas veciñais", e tachou de "falta de respeto" e "burla" a continuidade da instalación do das pequenas balizas, unha actuación que 2non é o que nós pedimos", e que dada a curta altura dos elementos instalados, "non vai evitar que os coches sigan caendo á praia cando teñan que apartar nun espazo tan reducido". Neste sentido, xa se tivo constancia de dúas caídas de vehículos, que se precipitaron dende a calzada ata a praia no verán.

Dende a asociación calificaron de "remendo que non vale para nada" as balizas e urxiron a alternativas coma "unha varanda provisional, ou ben uns pivotes de aluminio nas marxes da estrada". 

CONVIVENCIA. A situación da zona do peirao, que xa presenta un avanzado estado de deterioro, causa trastornos diarios a vehículos, peóns e propietarios de negocios. No caso dos peóns, que non teñen espazo por onde transitar, a situación "empeorou coa instalación das balizas", segundo sinalou o presidente, pois "xa houbo xente que non se deu conta delas e tropezou cando ía camiñando e tivo que apartar para que pasara algún coche". 

A outra grande problemática da zona radica na "ausencia dunha ordenanza de terrazas", que deben convivir a diario cos coches que transitan o lugar. Neste sentido, a Asociación de Veciños reivindica a necesidade de facilitar "a convivencia entre terrazas, coches e peóns", algo que "só se pode solucionar facendo dunha vez por todas a obra de humanización prometida, para que a xente poida camiñar tranquila, haxa espazo para os coches, e os negocios non volvan ter ningún tipo de problema". 

O Goberno local e os partidos, en contra
Nos últimos tempos, Goberno local e partidos políticos do municipio criticaron a "demora da actuación", que responde a un convenio asinado en 2009, a través do cal a Xunta rehabilirará os peiraos de Raxó e Covelo, cun investimento de máis de tres millóns de euros, que tamén servirá para mellorar a seguridade peonil e viaria.
Dende o Concello xa denunciaran a medida ao comezo da instalación das pequenas balizas, unha postura que incluso fora respaldada polo PP. Durante as últimas horas, o BNG anunciou a súa intención de pedir a Portos que "retire" os elementos e "adopte medidas efectivas". 

Comentarios