Ata catro cancelas nun quilómetro nos camiños e pistas de Cuspedriños

Algúns veciños acumulan denuncias, mesmo ante a Garda Civil, por peches de aramio nos pasos ás leiras e ao monte
Distintos cancelos e peches de aramio atopados en Cuspedriños. DP
photo_camera Distintos cancelos e peches de aramio atopados en Cuspedriños. DP

Con imaxes da colección de cancelos que van aparecendo nos camiños das leiras e zonas de pastoreo das proximidades da súa aldea. Así denuncian algúns veciños de Cuspedriños, en San Xurxo de Sacos, a situación que se está dando neste núcleo xa desde o anos 2017 e que parece non ter solución. As corredoiras e camiños de acceso a varias parcelas particulares empregadas ben para pastoreo, ben para cultivo, aparecen con cancelas e obstáculos realizados de maneira rudimentria con paus e varas de eucalipto e arames de espiño. Hai ata catro, nun tramo dun quilómetro.

Este feito esténdese tamén a unha das pistas da zona, a de Arcela, que discurre polo monte e é empregada, entre outros, polos ciclistas que fan BTT nos sendeiros deste concello.

Os veciños e veciñas afectados indican que estes obstáculos, que sospeitan que se relacionan coa crianza de gando mostrenco no monte, supoñen unha molestia no caso de ter que ir con motocultores ou a pé a traballar nas fincas, pero tamén un perigo, no caso dos que están no monte e nas pistas, pois non son visibles para os ciclistas, cazadores, e mesmo senderistas. A situación foi posta en coñecemento do Concello, da Comunidade de Montes, da Garda Civil e mesmo da Policía Autonómica.

Comentarios