viernes. 26.02.2021 |
El tiempo
viernes. 26.02.2021
El tiempo

'Ata máis ver', a resposta de Poio ao illamento dos maiores, xa ten 20 usuarios

undefined
Unha persoa maior paseando por Lourido, en Poio, en outubro do ano pasado. B. CÍSCAR
Os Servizos Sociais chaman cada dez días aos veciños que viven sós para coñecer as súas necesidades e ofrecerlles conversa e ánimo

Ao igual que no resto dos concellos, aos maiores de Poio, a pandemia tróuxolles un cambio de vida inesperado: en moitos casos, as actividades como charlas, bailes ou reunións que tiñan pola súa conta ou ben a traveso dos Servizos Sociais, tiveron que ser adiadas sen data polo risco que supón manter unha alta interacción social en coexistencia co coronavirus. Para paliar na medida do posible esta situación de merma na vida social dos seus e das súas maiores, o Concello de Poio puxo en marcha hai dous meses o programa Ata máis ver, un sinxelo plan argallado desde Servizos Sociais, para que quen así o desexe, reciba chamadas periódicas das técnicas do departamento e poida manter conversas con elas.

Preto de dous meses despois da súa posta en marcha, o programa suma a unha vintena de participantes. A iniciativa está pensada, inicialmente para aquelas persoas maiores de 65 anos e que viven soas, e quere establecer unha canle directa para poder estar pendente das súas inquedanzas e necesidades e, dalgún xeito, salvagardar o seu benestar na medida do posible.

Desde que se implementou a primeira lista de usuarios e usuarias, o persoal da Casa Rosada, está a realizar chamadas telefónicas "cada 10 días ou dúas semanas" para manter o contacto con eles, previo acordo e expliación dos detalles do sistema, que está tendo moi boa acollida entre os que o proban, segundo indica a edil de Servizos Sociais, Rosa Fernández.

Unha vez posto en marcha, a edil socialista confía en que esta iniciativa continúe medrando de xeito paulatino. "En ocasións, sucede que estas persoas experimentan certa timidez á hora de establecer contacto, pero, unha vez que se fan as primeiras chamadas, quedan satisfeitos coa experiencia", indica a concelleira, que aclara que a finais do 2020 se enviou unha carta aos posibles usuarios e usuarias para explicar os detalles do sistema.

Servizos Sociais e as técnicas encargadas desta tarefa contan cun sinxelo guión de traballo no que non faltan preguntas sobre o estado de saúde, se se senten ben animicamente e tamén se necesitan medicamentos ou algo que non poidan saír a mercar.

"Os e as nosas maiores son un dos grupos máis vulnerables ante a covid-19. Vense na obriga de permanecer nas súas casas durante moitos meses, sen apenas ter contacto coas súas amizades ou a súa veciñanza", advertiu Rosa Fernández, que sinala a intención de "que non se sintan sós", grazas a estas conversas periódicas e á colaboración das farmacias do municipio e dos centros de saúde á hora de informar ao Concello "cando teñen constancia dalgunha persoa maior que vive soa e non ten a quen acudir".

Para poder sumarse ao programa, as persoas interesadas deben realizar unha primeira chamada á Casa Rosada (986 872 401) onde se suman os datos de cada nova inscripción ao listado de usuarios e usuarias.

'Ata máis ver', a resposta de Poio ao illamento dos maiores, xa ten...
Comentarios
ç