O Ateneo Corredoira celebra 40 anos de vida cunha Semana Cultural moi festiva

A asociación encherá Combarro de música, obradoiros, exposicións e pasarrúas que durarán dende mañá ata o vindeiro día 21
Presentación da Semana Cultural de Combarro. CONCELLO DE POIO
photo_camera Presentación da Semana Cultural de Combarro. CONCELLO DE POIO

O Ateneo Corredoira e a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez (BNG), presentaron o programa de actividades previsto para a Semana Cultural de Combarro, que conta coa colaboración do Concello de Poio e da Deputación de Pontevedra. Coincidindo coa celebración de 40 anos de vida do Ateneo a concelleira resaltou que esta é "unha das citas máis tradicionais e de referencia en Poio". Este verán, tras o parón pola pandemia, a organización ofrece un abanico de actividades que darán comezo mañá e se prolongarán ata o vindeiro 21 de agosto. "Serán nove días na que a animación, a música, a historia e a gastronomía serán as grandes protagonistas" resaltou a presidenta do Ateneo, Patricia Pérez.

A apertura da Semana Cultural será o venres ás 21 horas coa lectura do pregón, a cargo da veciña de Combarro Loli Castiñeira. Despois procederáse á entrega do Mexilón de Ouro, distinción coa que se recoñece a traxectoria e o vínculo da persoa agasallada coa vila. Ademais inauguraráse a mostra de Vicente Pérez O mar, fonte de vida na Escola de Campo, e Recordo en imaxes. A animación musical do Grupo Rever e a tradicional queimada á media noite porán o broche á esta primeira xornada.

O sábado 13, a Praza de San Roque ofrecerá unha sesión de debuxo infantil ás 12 horas e ás 19.30 horas haberá un obradoiro de ecopercusión na Praza da Chousa. Á noitiña Ultrafónicos Band ofrecerán un concerto que estará precedido pola animación musical nas rúas a cargo da Banda de Gaitas O Son da Pedra Meiga.

A apertura da Semana Cultural será o venres ás 21 horas coa lectura do pregón, a cargo da veciña de Combarro Loli Castiñeira

O domingo 14 terá lugar unha das grandes citas da programación coa Festa do Mexilón na Praza da Chousa ás 12 horas. A degustación dos productos tamén continuará o luns 15 e ás 20 horas terá lugar outro dos momentos especiais da xornada coa Baixada á Renda, ao compás da agrupación folclórica Vides Novas.

O martes 16, día de San Roque, ás 13 horas haberá unha misa solemne na honra do patrón, cantada pola Coral Virxe de Fátima. Xa pola noite, ás 22 horas, a Praza da Chousa acollerá un concerto a cargo dos grupos Máster e Arena.

A Festa do Can tomará o relevo o mércores 17 ás 21 horas. Pola mañá haberá pasarúas, mentres que ás 19 horas celebrarase unha misa na honra de San Antón, para, a continuación, desenvolverse a procesión e subida da Renda co grupo Vides Novas.

O xoves 18 ás 19.30 horas a Praza de San Roque acollerá o contacontos O traxe novo do rei, a cargo de Tarabelos, mentres que ás 21 horas haberá unha actuación do Mago Rei Midas, antes da actuación do Gravity Power Trío ás 22 horas.

O sábado 20 o Ateneo ofrece unha excursión guiada á Illa de Tambo e na Chousa haberá un parque de hinchables

A última fin de semana, a programación ofrecerá, o venres 19, un obradoiro de elaboración de colgantes e pulseiras ás 19 horas, mentres que a agrupación folclórica Trompos aos Pés ofrecerá unha actuación na Chousa ás 21 horas e unha hora e media despois comezará a de Bloody Mary.

O sábado 20 o Ateneo ofrece unha excursión guiada á Illa de Tambo e na Chousa haberá un parque de hinchables gratuítos para os socios e cunha entrada de 5 euros para o resto dos asistentes.

Nelson Quinteiro e Os Desbrosadores porán a guinda da xornada ás 22 horas . Coma remate, o domingo 21 os Queimatasas amenizarán a vila dende as 13 horas e ás 21.30 Mr. River dará un concerto que finalizará as actividades.

Comentarios