A Aula Cemit do miunicipio de Combarro formou a 442 persoas este ano

A pesar do peche provocado pola pandemia, os niveis de asistencia mantivéronse moi similares aos de anos anteriores
Curso na Aula Cemit coas medidas de seguridade. DP
photo_camera Curso na Aula Cemit coas medidas de seguridade. DP

A Aula Cemit de Poio, situada na Escola do Campo de Combarro, mantivo durante este ano un nivel de actividade similar ao de anos anteriores, a pesar da Covid-19. Aínda que tivo que permanecer pechada durante tres meses a causa do confinamento, a cantidade total de persoas que acudiron aos cursos de formación elévase ata as 442, un resultado que dende o Goberno local califican de "moi positivo", tanto no que se refire á cantidade de clases e ciclos impartidos, como no número de usuarios e usuarias que utilizaron o servizo, dependente da Xunta de Galicia, e que ten como obxectivo garantir o acceso por parte da cidadanía ás novas tecnoloxías, tratando de reducir a fenda dixital na sociedade.

O responsable da aula poiense, Óscar Freire, explica que durante os nove meses que estivo operativa a aula, desenvolvéronse un total de 70 iniciativas, correspondentes a 67 ciclos formativos e tres obradoiros de emprego. O total de horas de formación ascendeu a 540, o que fai unha media de 60 horas mensuais, se non se ten en conta o peche durante o estado de alarma, periodo durante o cal se mantivo un servizo telemático para asesorar e resolver dúbidas.

O mantemento do nivel de usuarios amosa, segundo o responsable "a importancia que está a adquirir a formación nos tempos actuais". Freire fai tamén fincapé no "gran esforzo" que foi necesario realizar para recuperar o tempo perdido por mor do confinamento. Unha vez retomada a actividade, a aula Cemit adaptouse ás esixencias decretadas polas autoridades sanitarias para garantir a seguridade dos usuarios e usuarias.

Ao máis de medio milleiro de horas de formación anual tamén hai que sumarlle as 470 de acceso libre que se ofreceron entre xaneiro e decembro.

Comentarios