A avaliación do parque eólico proxectado no Castrove divide a opinión en Poio

O Concello avanzou onte a súa posición "contraria", mentres que a Comunidade de Montes de San Xoán ve "unha oportunidade económica" ► Crean unha plataforma veciñal para alegar
A plataforma 'Non ao parque eólico de Castrove' difundiu unha simulación que recolle a vista do parque desde Poio. ARQUIVO
photo_camera A Plataforma "Non ao parque eólico do Castrove" difundiu unha simulación que recolle a vista do parque dende Poio. DP

A posible instalación dun parque eólico no monte Castrove, que afectaría aos municipios de Poio, Pontevedra, Meis e Barro, e que se atopa actualmente en fase de avaliación ambiental, dentro do periodo de alegacións, suscitou as primeiras reaccións veciñais e políticas en Poio onde, segundo o estudo, os montes afectados pola instalación do parque son o Castrove, A Escusa, Monte de Vilar, Monte do Castro e Montecelo. Aínda que tanto veciños como políticos non dubidaron en sinalar a "falta de información" que existe polo momento sobre este tema, a división de opinións xa se fixo patente a nivel veciñal. O alcalde de Poio, Luciano Sobral, avanzou onte a este medio a posición "contraria" por parte do Concello á instalación do parque, impulsado pola compañía Cadaval y Ventoso S.L.

Para Sobral, "os datos que nos van chegando lévannos a manifestar unha postura que non é favorable ao proxecto, xa que nos parece bastante agresivo para o contorno, cun grande impacto e consecuencias sobre o territorio. Fálase de aeroxeradores dun tamaño considerable, que causarán un importante impacto na zona de arriba de Poio, pegada ao Castrove". Neste sentido, asegurou Sobral, o Concello non dubidará en "ofrecer asesoramento xurídico aos veciños", tal e como veñen facendo outros concellos da comarca afectados por diferentes proxectos eólicos, e asegurou que, "unha vez que todos os membros do Goberno local nos reunamos e cheguemos a unha postura clara, o Concello alegará en contra dese proxecto".

Ademais, unha representación do Goberno local asistirá esta fin de semana a unha reunión que se celebrará en Meis, e á que están convocados os Gobernos locais e as Comunidades de Montes dos municipios afectados polo proxecto. Nesta xuntanza estará presente tamén parte da directiva da Comunidade de Montes de San Xoán, que agarda poder reunir aos comuneiros para tratar o tema. Deste xeito, explicou o seu tesoureiro e membro da directiva, Marcial García, "aínda non coñecemos o alcance do proxecto", se ben apuntou que "as comunidades de montes teñen necesidade de financiación", polo que, a falta de considerar polo miúdo o impacto que o proxecto poida chegar a causar no entorno, valorouno coma "unha oportunidade económica". García referiuse ao prezo da madeira como exemplo da insostibilidade de manter grandes áreas de monte en man común, e asegurou que é preciso "moito investimento" para "conservar os espazos limpos e desbrozados e previr lumes". Neste sentido, afirmou, "O rendemento da venda de madeira hoxe en día veuse abaixo, dun xeito que non dá soporte para tratar o monte como require. Calquera cousa que veña", dixo, en referencia ao proxecto eólico, "agradécese, porque vai en beneficio do monte, que require un investimento potente para conservalo en boas condicións. Só hai que ver cantas veces se limpa ao ano unha finca particular en comparación. Nos anos 90 e algo, unha tonelada de eucalipto valía 12.000 pesetas (70 euros), e hoxe págana a 20 euros. E o prezo do pino anda tamén por ese prezo. Cos custes de limpeza, isto non se sostén", asegurou. Neste sentido, tal e como explicou, os propietarios das parcelas de monte afectadas por proxectos eólicos adoitan percibir unha porcentaxe do beneficio xerado.

A directiva da Comunidade de Montes de San Xoán avaliará agora «o impacto» e daralle traslado do tema á asamblea para posicionarse dun xeito determinante sobre este asunto. Para García, será "importante estudar que o proxecto non carrexe prexuízos para os núcleos de poboación nin para o medio en si, no que se refire as infraestructuras derivadas da instalación".

NOVA PLATAFORMA. Nas últimas horas, e ante a preocupación veciñal a causa da "desinformación que existe sobre o proxecto", viu a luz a plataforma "Non ao parque eólico do Castrove", creada en Poio, pero con vocación de "que se sumen comunidades veciñais de todos os municipios afectados". A súa voceira, Lúa Gándara, explicou que a intención é "reunir á veciñanza para ofrecerlles información", unha acción que está a levar a cabo a través das redes sociais, e mesmo porta a porta, ademais de dirixirse ao Concello. Para Gándara, o impacto "a nivel paisaxístico dun proxecto así é enorme, por non falar do prexuízo para as aves do entorno, o patrimonio, os ruidos que xeran e mesmo para as traídas de augas, posto que a obra acarrearía movementos de terra que afectan aos caudais".

A voceira da iniciativa urxiu á necesidade dunha xuntanza veciñal para dar conta da situación e, a través da plataforma, xa dispoñibilizou un modelo de alegacións para "que os veciños poidan presentalas, xa que xusto estamos dentro do prazo dun mes». Para ela, o impacto no entorno é «innegable. Os veciños non queremos os éolicos preto das casas", salientou.

POSICIONAMENTOS DOS GRUPOS POLÍTICOS DE POIO.  O BNG de Poio alegará contra o proxecto e demanda unha "enerxía eólica sustentable, xusta e galega" que "revirta os beneficios no territorio e sexa respectuosa co medio natural e co patrimonio". A súa voceira, Marga Caldas, asegurou que «este proxecto ten como obxectivo engordar os beneficios das grandes empresas» e establecerá puntos de recollida de sinaturas no municipio, ademais de preguntar ao respecto no Parlamento Galego.

O PSdeG-PSOE de Poio promoveu no Pleno ordinario celebrado durante a tarde de onte unha declaración institucional de apoio aos veciños afectados polo proxecto do parque eólico do Castrove, e declarou o seu "posicionamento en contra" no que respecta á afección ao territorio.

Neste sentido, afirmou o seu voceiro, Gregorio Agís, "apoiaremos aos veciños nas súas demandas e poñémonos á súa disposición".

A voceira de Avante Poio, Silvia Díaz, quixo deixar constancia da "falta de información sobre o tema" e, "a priori", posicionouse "en contra desta instalación, que ten un grande impacto nun enclave importante no concello". Así, afirmou, dende o partido, "consideramos que vai prexudicar ao contorno".

Díaz insistiu tamén en destacar "a opacidade que xira en torno ao proxecto" e demandou "máis transparencia" a este respecto.

O voceiro do PP, Ángel Moldes avanzou onte o seu desagrado co proxecto e, asegurou, "agardamos un posicionamento común nas xuntanzas que se leven a cabo co equipo de Goberno". Tal e como explicou Moldes, "aínda que coñecemos o proxecto moi por riba, non nos gusta moito. A nós gústanos o Castrove tal e como está na actualidade", afirmou. Neste sentido, queda "a expensas dunha reunión de todo o grupo para valoralo en profundidade".

Comentarios