jueves. 22.10.2020 |
El tiempo
jueves. 22.10.2020
El tiempo

A Avenida da Barca, no punto de mira tras o último atropelo na PO-308

Os servizos de emerxencia acudiron ao atropelo na Avenida da Barca na pasada noite do domingo. GONZALO GARCÍA
Os servizos de emerxencia acudiron ao atropelo na Avenida da Barca na pasada noite do domingo. GONZALO GARCÍA
A Policía Local de Poio elabora un informe para dar traslado á Xunta da situación da vía, pola que pasan 15.000 vehículos ao día ►O Pleno deste martes abordará a necesidade de mellorar a mobilidade no municipio, en vista de aprobar a súa adhesión á rede Ágora

O tramo da PO-308 que pasa pola Avenida da Barca volve centrar as miradas despois do último atropelo na zona, que tivo lugar na pasada noite do sábado, e que mandou a unha muller ao hospital resultando ferida de gravidade. Trátase dun tramo no que abundan os accidentes e atropelos, xa que no último de gravidade que se rexistrou na zona, en xuño do pasado ano, resultou ferida unha menor de 12 anos tras ser golpeada por un camión e posteriormente por outro automóbil, mentres se dispoñía a cruzar a PO-308 por un paso de peatóns. Non moi lonxe deste escenario, no pasado mes de maio resultaron feridas outras dúas mozas de 18 e 21 anos ao cruzar polo paso de peatóns ubicado entre a rotonda de Andurique e a ponte da Barca.

Segundo os datos da Policía Local de Poio, uns 15.000 vehículos circulan pola Avenida da Barca cada día, e trátase dun dos tramos da PO- 308 que soporta unha maior de densidade de tráfico ao seu paso polo núcleo da parroquia de San Salvador. Neste sentido, o Concello de Poio insiste na necesidade de reforzar a seguridade na vía, dependente da Xunta de Galicia. polo que a Policía Local está a preparar un novo informe sobre a situación que presenta na actualidade a Avenida da Barca, e que será remitido á Consellería de Infraestruturas. A necesidade de reforzar a seguridade viaria na zona xa se abordou entre 2018 e 2019, remitindo á Consellería varios informes policiais nos que se pedía o reforzo da sinalización horizontal e vertical, así como a dotación dun mellor alumeado.

A pesar de que varias medidas foron adoptadas, coma o pintado dos pasos de peóns, a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, valorou que episodios como o vivido o pasado sábado demostran que "é necesaria unha actuación máis ambiciosa para reforzar a seguridade viaria nesta zona". O Concello de Poio tamén abordou diferentes mocións plenarias para dar traslado á Xunta de Galicia da necesidade de que o tramo sexa reforzado de xeito integral.

MOBILIDADE. Precisamente, o Concello de Poio abordará no Pleno ordinario deste martes a necesidade de mellorar a mobilidade no municipio, polo que prevé aprobar a súa adhesión á Rede Ágora Polo Espazo Público, unha iniciativa impulsada pola Deputación Provincial de Pontevedra, e á que xa se adheriron outros concellos veciños como Sanxenxo. Os obxectivos do plan son incrementar de aquí a 2023 a superficie de solo para as persoas, así como os itinerarios ciclistas e peonís, e favorecer a mobilidade inclusiva e alternativa, a autonomía infantil e os espazos seguros e de calidade, ademais do fomento do comercio de proximidade.

O Goberno local xa conta, para isto, cun Plan de Mobilidade aprobado en 2019, cuxas correccións en base ao informe de supervisión realizado pola Deputación tamén se levarán ao Pleno deste martes. A raíz desta actualización, incorporarase a este documento unha ficha específica para aquelas actuacións vencelladas aos núcleos tradicionais coma as obras de humanización que o Goberno local quere levar a cabo no lugar de Xuviño. Sobre este aspecto, o concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís, quixo aclarar que será o único aspecto "vencellado ao Plan de Mobilidade" que se levará ao Pleno, negando, tal e como afirmou o Partido Popular, que se someta a votación a aplicación do sentido único na Barca.

A Avenida da Barca, no punto de mira tras o último atropelo na PO-308
Comentarios