As Baladas, en Barro, estrea a Festa do Churrasco de balcón

Toda a rúa encargará churrasco o domingo para axudar á hostalería local
Unha das sesións de festa na Rúa Baladas, en Barro. CEDIDA
photo_camera Unha das sesións de festa na Rúa Baladas, en Barro. CEDIDA

O confinamento non será excusa para renunciar ás festas gastronómicas e a buscar fórmulas para soster á hostalería local. Así o decidiron os veciños de Barro que residen na zona da Rúa das Baladas, que veñen de anunciar que celebrarán este domingo a I Festa do Churrasco Interbalcóns.

O mesmo grupo que xa se ten destacado por animar a rúa cos vermús de terraza e coas sesións musicais de Johny Güimil vén de anunciar que este domingo quere compartir un churrasco e darlle o formato de festa de balcón, de xeito que, según un dos impulsores, José Sanmartín, se poderá "facer unha proba piloto do que sería unha iniciativa para sorter aos nosos veciños hostaleiros que son os que están sufrindo e teñen máis complicado o regreso á actividade".

A festa ten un formato que é o único legal actualmente: o dos encargos de comida para levar e a entrega a domicilio e así é como funcionará. Os veciños fixeron 70 encargos a un hosteleiro da zona que ten un asador e el porá os medios para elaborar a carne. Posteriormente organizarase un reparto pola rúa no que todos porán atención en manter ao máximo as condicións do confinamento: a distribución será polas portas, do mesmo xeito que con calquera encargo de comida para levar actual. Unha vez co pedido na casa, será clave acompañar o churrasco co máximo ambiente festivo. Cada un desde o seu piso poderá seguir as alboradas das 11.00 a cargo de Chispa Negra, ou o pregón desde as 12.00 a cargo do propio Güimil, quen, con algunha colaboración tamén aderezará a sesión vermú, neste caso co seu repertorio como integrante de Sons das Tabernas.

Güimil é un emblema da resistencia con humor e música e foi escollido por ese motivo para dar o pregón da festa. A parte gastronómica correrá a cargo do establecemento de Sergio Orge, situado a menos dun quilómetro do establecemento. Os churrascos degustaranse nas terrazas e balcóns e os veciños esperan, que se a fórmula funciona, se poidan convocar propostas similares para contar cos servizos doutros hostaleiros da localidade.

Comentarios