A Banda de Cerdedo elabora un vídeo musical de ánimo pola crise sanitaria e o confinamento

A formación fixo un bonito traballo audiovisual con música misturando imaxes das súas actuacións
Banda de Música de Cerdedo
photo_camera Banda de Música de Cerdedo

A Banda de Música de Cerdedo vén de elaborar un videoclip musical co obxectivo de mandarlle unha forte mensaxe de ánimo a todas as familias de Cerdedo-Cotobade e á sociedade en xeral para afrontar esta grave crise sanitaria e sobrelevar, do mellor xeito posible, o confinamento, xusto agora que comeza a súa sexta semana.

A formación fixo un bonito traballo audiovisual con música misturando imaxes das súas actuacións, en lugares como a Praza da Igrexa ou o Centro Cultural da localidade, con outras máis informais, como a cea de celebración da Santa Cecilia 2019. Todo elo coa mensaxe #QuedaNaCasa para seguir concienciando á poboación da importancia de respectar ao máximo o confinamento para facer fronte ao coronavirus.

O vídeo pode contemplarse nas súas páxinas oficiais nas redes sociais e xa alcanzou centos de visualizacións.

Dende o Concello de Cerdedo-Cotobade queren amosar novamente a súa satisfacción por todos os vídeos, traballos, publicacións e demais mensaxes que está a remitir e a elaborar a veciñanza, agrupacións musicais ou colectivos, como Os Trazantes, a Banda de Tenorio, Foula ou o claustro do Ceip de Tenorio, entre outros, e destaca a creatividade, inxenio, positivismo e solidariedade da cidadanía.

Comentarios