Barro aposta por un equipamento social para a zona do centro de saúde

O Concello comprará con 20.000 euros a vella centraliña de Telefónica para dispor dunha parcela grande, ao sumala á do consultorio
O consultorio de Barro derrubarase cando se constrúa o novo centro de saúde. DAVID FREIRE
photo_camera O consultorio de Barro derrubarase cando se constrúa o novo centro de saúde. DAVID FREIRE

O Concello de Barro vén de escoller as obras nas que investirá parte do remanente de Tesourería do exercicio pasado. Así, o Goberno bipartito vén de sacar adiante, no pleno celebrado o pasado mércores, unha proposta de modificación de créditos con cargo ao remanente de Tesourería por valor de 360.000 euros.

Tal e como apuntou o Goberno local, as partidas máis grandes que se contemplan son as adicadas á construción dunha nova cuberta para o pavillón municipal por valor de 240.000 euros.

Do mesmo xeito, na modificación incluíuse unha partida de 20.000 euros coa que o Concello adquirirá a parcela na que se atopa actualmente a antiga central de Telefónica no Santo Antoniño.

Esta compra permitirá ao Concello unificar esa parcela coas dúas que albergan o actual centro de saúde e o composteiro comunitario, e ter así un único solar no que poder construír no futuro un equipamento de uso social.

O resto de fondos contemplados van destinados a outras actuacións de distinta índole, como melloras na seguridade viaria, a compra de novos colectores de lixo, a reconstrución do peche da antiga escola unitaria de Valiñas ou a instalación eléctrica da capela municipal de San Marco, entre outras.

A decisión contou cos votos a favor de BNG e PSOE nunha sesión na que non compareceron o voceiro do PP, Eduardo Ruadas, nin o da formación independente Xuntos x Barro, José Antonio Landín.

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, amosouse moi satisfeito por poder sacar adiante esta proposta: "Grazas a isto poderemos actuar na cuberta do pavillón, un proxecto no que xa levamos uns anos traballando e que é necesario executar canto antes", apuntou.

Sobre a compra da parcela de Telefónica e a súa integración no inventario municipal, indicou que "nos permitirá ter un único solar no que poderemos construír un equipamento de carácter social unha vez derrubado o centro de saúde vello".

No Pleno tamén se deu luz verde á saída a licitación do contrato do ciclo da auga do Polígono de Outeda, que terá unha duración máxima dun ano, coa posibilidade de prórroga dun ano máis e unha contía de 295.000 euros.

Barro tamén tiña iniciado este proceso hai xa máis dun ano, aínda que previamente á licitación foi necesario elaborar unhas bases para convocar este concurso. Con esta medida, Barro abordará unha das áreas de mantemento do polígono de Outeda-Curro que ten que asumir obligatoriamente desde a recepción da obra executada por parte da Deputación Provincial.

O Concello inviste anualmente uns 100.000 euros, segundo datos aportados pola propia entidade en ocasións anteriores, e esta cantidade destínase ao gasto eléctrico (o cal se está minorando coa instalación de farolas LED, de menor consumo enerxético) así como ás distintas facetas do mantemento do polígono, que está vendido ao 70% e en proceso de ocupación da meirande parte dos seus espazos.

Comentarios