Barro enxalzará o papel da sanidade co pregón da Festa do Viño

dd
O alcalde de Barro, con Ramón Ballesteros, no exterior do Pazo da Crega. DP
photo_camera O alcalde de Barro, con Ramón Ballesteros, no exterior do Pazo da Crega. DP

Unha cita co enfermeiro de toda a vida, pero non para tratar doenzas, senón para celebrar. Ese é o obxectivo que ten o Concello de Barro este ano, ao escoller a Ramón Ballesteros Arias como pregoeiro da XLV edición da Festa do Viño de Barro.

Ramón Ballesteros Arias é un enfermeiro que exerceu no centro de saúde de Barro durante 26 anos e se retirou do seu posto no pasado 2021. Tal e como entende o Goberno local, este sanitario "deixou unha pegada moi fonda entre a veciñanza de Barro", o que o fai merecedor do papel de pregoeiro da festa máis aprezada do municipio, que se celebrará do 13 ao 16 de xuño.  

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, agradeceulle a Ramón Ballesteros que aceptase a súa proposta, pois con este xesto, Barro quere destacar o seu bo traballo e a súa dedicación desempeñando un servizo tan importante durante tantos ano.

O alcalde indicou que "para nós era moi importante facerlle saber a Ramón Ballesteros que deixou unha pegada moi fonda entre a veciñanza de Barro e que o seu traballo foi valorado moi positivamente". Abraldes tamén sinalou que, por extensión, "este pregón servirá de homenaxe a todos os profesionais da sanidade que se esforzan día a día pola saúde da cidadanía, moitas veces en condicións que non son precisamente as mellores".

A Festa do Viño de Barro, por outra banda, ten en marcha xa toda a súa programación, despois de que a semana pasada se abrise o prazo de inscrición no concurso de viños, que se manterá aberto ata o 4 de xuño. A cata previa terá lugar o sábado 8 de xuño, e a cata final será o domingo 16 de xuño no Pazo da Crega.

Comentarios