jueves. 09.12.2021 |
El tiempo
jueves. 09.12.2021
El tiempo

Barro homenaxeará á tradición das tabernas na XXIX Festa do Viño

A presentación da programación tivo lugar na Casa do Concello. OLGA FERNÁNDEZ - Festa do Viño de Barro
A presentación da programación tivo lugar na Casa do Concello. OLGA FERNÁNDEZ

O evento terá lugar do 14 ao 17 de xuño e incluirá todo tipo de actividades lúdicas e gastronómicas

Música, danza, canto coral, gastronomía e caldos de primeira calidade. Este é o menú polo que aposta o Concello de Barro á hora de impulsar a XXIX edición da súa Festa do Viño, un evento que se desenvolverá do 14 ao 17 de xuño e que continúa consolidándose como unha das citas lúdicas máis importantes da comarca de Pontevedra.

O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, acompañado de varios membros da organización, desvelou este xoves os detalles dunha programación que, nesta ocasión, outorgará un protagonismo especial ao papel das tabernas. Así, o festexo ten previsto render homenaxe a esta actividade tradicional, que, tal e como recorda o Goberno local, "resultou fundamental no seu momento para a comercialización do viño, ademais de ser un punto de encontro clave para a nosa sociedade".

Aínda que o inicio será a inauguración da exposición Con pan e viño ándase o Camiño, que terá lugar na Casa do Concello o vindeiro martes, a partir das 20.30 horas, o groso da programación comezará o xoves 14, cunha festa infantil e a actuación musical dos grupos Galifunk e Son das Tabernas. Ademais, ás 22.30 horas será a presentación das adegas que ofrecen os caldos a degustar.

O venres 15, o mago Antón será o gran protagonista, con varias actuacións ao longo da xornada. Ás 21.00 horas inaugurarase o XIII Certame de Viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. Será entón cando se abran os postos de degustación. A verbena nocturna contará coas actuacións das orquestras Claxxon e Pontevedra.

XORNADA DOMINICAL. Ademais das iniciativas lúdicas do sábado (que inclúen actuacións musicais e actividades deportivas), o domingo 17 terá lugar a VI Xuntanza de Vespas, Lambrettas e Motos Clásicas. Ademais, ás 10.30 desenvolverase unha cata de viños. Posteriormente haberá unha gran sardiñada.

A entrega de premios dos gañadores do XIII Concurso de Imaxes de Barro será ás 13.00 horas no Pazo da Crega, tal e como informaron os organizadores.

Pregón. Recoñecemento á mestra
Claudia Favorecido Como cada ano, un dos momentos máis emotivos da Festa do Viño será a lectura do pregón. Nesta ocasión, o Concello de Barro e os colectivos que colaboran activamente na organización da programación decidiron que a pregoeira sexa Claudia Favorecido Domínguez, toda unha referencia no ámbito educativo do municipio.

AMPLA TRAXECTORIA. Tal e como indicaron os responsables dos festexos durante a presentación do xoves, a docente conta cunha ampla experiencia, toda vez que leva exercendo como mestra no CEIP Amor Ruibal durante máis de dúas décadas. "Está deixando unha pegada moi importante na vila", sinalou Fernández Abraldes.

A xuízo do Goberno local, Favorecido Domínguez "representa perfectamente a capacidade de dinamización que ten demostrado todo o profesorado dos centros educativos da vila". Varias xeracións de veciños de Barro foron alumnos da pregoeira da XXIX Festa do Viño.

Barro homenaxeará á tradición das tabernas na XXIX Festa do Viño
Comentarios
ç