Barro pon a disposición 146 prazas no Espazo Lecer Concilia

O prazo para inscribirse e reservar praza as ludotecas de verán municipais comeza hoxe e rematará o vindeiro 20 de xuño
Actividade lúdica con nenos en Barro en imaxe de arquivo. DP
photo_camera Actividade lúdica con nenos en Barro en imaxe de arquivo. DP

O Concello de Barro en colaboración coa Deputación de Pontevedra pon en marcha, un ano máis, o seu programa orientado a fomentar a igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero denominado Espazos de Lecer Concilia no 2023​.

O programa consiste nunha oferta de actividades para os nenos e nenas pertencentes a familias que teñen dificultades para conciliar a vida familiar e a laboral nos meses de verán por causas laborais, entre outras.

Tal e como sinala o Concello, este ano, dentro do mesmo programa, ofrécense un total de 146 prazas para os meses de xullo e agosto. O prazo de presentación de solicitudes comeza este 1 de xuño e rematará o 20 de xuño e o lugar para formalizar as peticións de praza serán as oficinas municipais.

Xunto coa solicitude os interesados deberán entregar o DNI dos nenos e nenas solicitantes, así como o pai, nai ou titor que os represente, ademais do libro de familia, a tarxeta sanitaria, o volante de empadroamento (no caso de pagar as taxas para empadroados), o xustificante da situación laboral dos proxenitores e o resgardo do ingreso do pago das taxas. En canto aos custos, estes serán de 15 euros por quincena para nenos empadroados, ou dez euros por quincena no caso de que asista máis de un irmá por familia. Do mesmo xeito, os custos serán de 30 euros ao mes, ou 20, para empadroados que acudan todo o mes, e para os casos de acudiren varios irmás.

Nos casos de menores non empadroados ou empadroadas en Barro, os custos serán de 37 euros por quincena ou 70 euros polo mes completo. A devolución das taxas só se producirá se o menor non asiste desde o primero día e acredita debidamente a causa.

Comentarios