Barro porá a disposición do Sergas os terreos do centro médico coa maior brevidade

O Concello quere axilizar o proceso de construción, unha vez que se confirmou a vontade da Xunta de edificar o novo centro médico
O actual centro de saúde é unha edificación obsoleta, indica o Concello. RAFA FARIÑA
photo_camera O actual centro de saúde é unha edificación obsoleta, indica o Concello. RAFA FARIÑA
O Concello de Barro está a realizar todos os trámites urbanísticos necesarios para poder cederlle á Consellería de Sanidade coa maior brevidade posible a parcela na que se construirá o novo centro de saúde.

O proceso segue o seu curso unha vez que os servizos técnicos da Consellería visitaron a parcela e lle trasladaron ao alcalde que os terreos eran os idóneos para albergar unha construción coas características que necesita a nova edificación.

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, amósase "moi satisfeito por que se confirme a vontade da Consellería de construír a curto prazo o novo centro de saúde e de que se confirme que as xestións realizadas polo Concello durantes estes últimos anos deron un moi bo resultado e serviron para acurtar os prazos".

Tal e como lembra o Concello, o actual centro de saúde de Barro está obsoleto, non reúne as condicións de accesibilidade necesarias para recibir todo tipo de pacientes, nin permite prestar un servizo de calidade polas súas deficiencias de espazos habilitados para as diferentes funcións da actual carta de servizos de Sanidade.

Ademais diso, ao ser unha edificación que conta con varias décadas sobre as súas costas, o centro presentou en distintas etapas problemas de illamento, goteiras e outras debilidades vencelladas coas inclemencias meteorolóxicas que dificultaron aínda máis o seu aproveitamento.

Coa nova edificación, que se edificará ao lado do actual centro, o edificio pasará de ter pouco máis de 300 metros cadrados a contar cunha superficie total de 800 metros cadrados.

O Goberno local indica que, segundo o proxecto, o novo edificio contará con oito salas que se repartirán entre catro consultas médicas e pediátricas, dúas salas para enfermería e obstetricia, unha sala de toma de mostras e outra sala polivalente.

Comentarios