Barro reinventa a Festa do Viño cun ciclo de actividades que inaugura Luar na Lubre

O concerto terá lugar o 19 sábado 19 de xuño, con cargo ao Programa Musigal 2021
O Goberno local reuniuse con representantes das adegas. DP
photo_camera O Goberno local reuniuse con representantes das adegas. DP

Pode que Barro non poida ter festa este ano, pero seguirá tendo viño. E actividades a esgalla. Tras manter unha reunión con representantes das adegas que elaboran viño ao amparo da D.O. Rías Baixas no concello de Barro, o Goberno local anunciou a suspensión da tradicional Festa do Viño que, ao igual que na pasada edición, tampouco se celebrará este ano baixo as premisas habituais. Sen embargo, aseguraron dende a Administración local, o encontro valeu para que o Concello e as adegas consensuaran unha proposta para promocionar os viños de Barro a través da hostalaría local, cunha iniciativa pola que a veciñanza poderá seguir gozando nestes espazos da riqueza vinícola doe Barro e que, aínda que perde momentáneamente o escaparate que supón a celebración, seguirá tendo un oco no lecer do municipio, ata que mellore a situación sanitaria.

Neste sentido, explicaron dende o Goberno local, a situación que se está vivindo a causa da Covid-19, ten como consecuencia que "non se poden celebrar verbenas ou outro tipo de actividades como a tradicional sardiñada da Festa do Viño". Aínda que a emblemática cita suspéndese como tal este ano, o Goberno local ten a esperanza de poder retomala o vindeiro sen restricións, para que tanto a veciñanza como os visitantes poidan gozar deste evento con total normalidade.

Outra das limitacións impostas pola pandemia é a imposibilidade de celebrar grandes eventos con aglomeracións de xente, explicaron dende o Goberno local, algo que exemplifica á perfección o que supón a Festa do Viño cada ano no municipio. Por iso, e coa intención de "buscar formatos alternativos para a dinamización cultural", algo polo que o Concello de Barro "leva apostando nos últimos anos, a veciñanza non quedará sen ocio. Por este motivo, o Goberno local decidiu adicar os cartos da Festa do Viño a levar actividades culturais en pequeno formato polas parroquias, «extremando todas as medidas de seguridade", tal e como aseguraron.

Polo momento, xa puideron adiantar que este ciclo de actividades inaugurarase cun concerto de Luar na Lubre o vindeiro sábado 19 de xuño, unha actividade que estará financiada con cargo ao Programa Musigal 2021 da Deputación de Pontevedra, e que será o pistoletazo de saída da programación.

Comentarios