Benestar Social impulsa un amplo e novidoso programa

Mellor acompañ[email protected], destinado a fomentar o uso da tecnoloxía entre os maiores, ou o xa consolidado Saudemente forman parte da oferta
A edil de Benestar, Rosa Fernández, na Casa Rosada. DP
photo_camera A edil de Benestar, Rosa Fernández, na Casa Rosada. DP

A Casa Rosada acollerá durante todo o curso 2022-2023 unha ampla e variada programación de actividades que comezarán este mesmo outono, e que inclúe, ademais de iniciativas xa plenamente consolidades e que contan cunha gran participación, como poden ser as sesións de ximnasia para persoas da terceira idade ou o Saudemente, grandes novidades que se introducen nesta edición.

Unha delas ten que ver co uso das novas tecnoloxías. Trátase de Mellor Acompañ[email protected], un taller que terá lugar os días 13, 20 e 27 de outubro, de 10.00 a 13.00 horas, de carácter gratuíto e que está impulsado pola Fundación Amigos de Galicia. Estas clases teñen como obxectivo axudar ás persoas maiores de 65 anos a aprender a desenvolverse cos teléfonos móbiles de nova xeración, caxeiros automáticos ou con aplicacións como a do Sergas. "Cada vez é máis habitual que xestións habituais ou cotiás se teñan que realizar de xeito telemático ou a través dun programa informático, polo que nos sumamos a esta iniciativa para que as nosas e nosos maiores aprendan a manexarse por si mesmos nestas prácticas", apuntou a edil de Benestar Social, Rosa Fernández González.

Outra novidade é a sesión, tamén gratis, Lévate ben coa túa máquina de coser, un monográfico sobre o uso deste tipo de utensilio, que será o venres 30 de setembro na Casa Rosada, de 17.00 a 20.00 horas. As persoas que teñan interese en continuar con este tipo de sesións terán a oportunidade ao obradoiro de corte e confección, que, en principio, terá unha duración trimestral, se ben podería prolongarse en función da demanda. As clases serán luns e mércores en dous grupos: de 17.00 a 19.00 e de 19.00 a 21.00 horas, cun prezo de 22 euros mensuais. Pola súa banda, desde o mes de outubro os luns, de 17.00 a 19.00 horas, a monitora Ana Alfonsín ofrecerá clases de calceta e "crochet" para todos os niveis de aprendizaxe. Neste caso, a cota mensual será de 35 euros. Asemade, Rosa Fernández adiante que os venres, no mesmo horario e totalmente gratis, volve o Espazo Tecedoras de Palabras, unha iniciativa que "xa desenvolvemos con éxito unha vez que a pandemia o permitiu", e que vai máis alá dun grupo de sesións sobre técnicas de calceta, gancho ou bordado, xa que tamén "busca ser unespazo de convivencia, no que todas as persoas poidan achegar as súas experiencias coas demais", indica a edil.

'Lévate ben coa túa máquina de coser' é un monográfico sobre o uso deste utensilio, que terá lugar o día 30 de setembro"

EXERCICIO E CORAL. Como non podía ser doutro xeito, a partires do mes de outubro tamén volven actividades xa plenamente consolidadas, como o Programa Saudemente, pensado para persoas maiores e que na súa anterior convocatoria contou con máis de 100 participantes, cunha media de idade superior aos 80 anos. Como xa é habitual, esta iniciativa terá un carácter itinerante e se levará a cabo na Seca, Campelo, Combarro, Raxó, Samieira e Vilariño. Neste caso, a cota mensual será de 10 euros.

As clases de ximnasia (tai-chi) tamén retornan, nas mañás dos luns, mércores e venres, entre as 10.00 e as 12.00 horas en dous grupos distintos, cun prezo de 12 euros ao mes. Asemade, tamén retoma a súa actividade o grupo de teatro para adultos, os venres de 19.30 a 21.00 horas na Casa Rosada, así como a coral (xoves, de 17.00 a 19.00 horas).

"Apostamos por unha programación variada, na que a aprendizaxe, os hábitos saudables e a diversión son os grandes piares, para que as persoas maiores dispoñan de actividades ata o mes de xuño", sinalou Fernández.

Comentarios