Benestar Social de Poio reactiva a recollida de xoguetes para as familias desfavorecidas

As doazóns solidarias recibiranse na Casa Rosada ata o día 9 de decembro, e o reparto realizarase nas datas previas ao Nadal
As entregas de 2020 chegaron a preto de 100 cativos. ADP
photo_camera As entregas de 2020 chegaron a preto de 100 cativos. ADP

Non claudicou sequera durante a época máis dura da pandemia e este ano non ía ser menos. A Concellería de Benestar Social de Poio pon en marcha un ano máis a súa tradicional campaña de recollida de xoguetes para lograr que ningún cativo ou cativa quede sen vivir un Nadal especial, e que permanecerá activa ata o vindeiro 9 de decembro.

Baixo o lema Ningunha crianza sen sorriso, a acción que leva a cabo o departamento dirixido pola socialista Rosa Fernández, consistente en promover a entrega altruísta de xoguetes, para que as responsables de Servizos Sociais poidan repartilos nos días previos ás festas de Nadal entre as familias máis desfavorecidas e con menos recursos do municipio. Para iso, bastará con achegarse desde este mércores en diante ás dependencias da Casa Rosada para deixar os xoguetes, co único requisito de que estes estean limpos e nun bo estado, en horario de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas polas mañás e de 17.00 a 21.00 horas polas tardes.

A partir do peche da recollida, será cando comece o proceso de empaquetado, no que, un ano máis, volverá colaborar, de xeito desinteresado, Silvia Ramírez, integrante da Sociedade Cultural e Deportiva Samieira. "Agradecemos moito a súa implicación á hora de realizar este labor, porque grazas a ela os agasallos que reciben as crianzas locen moito máis", sinala a edil do Goberno municipal. O reparto dos xoguetes levarase a cabo nas semanas previas ao Nadal, de xeito que "poidan chegar a tempo a todos os fogares".

Deste xeito, Fernández González fai un chamamento á cidadanía para que participe. "Todos e todas podemos colaborar á hora de conseguir que estes nenos e nenas vivan con ilusión estas datas tan emblemáticas. Cada sorriso que consigamos provocar a través destas entregas será para nós o mellor dos agasallos", recalcou. A edil socialista confía en que a resposta da veciñanza sexa tan positiva como a acadada na edición do ano pasado desta campaña, cando se reuniron xoguetes suficientes para repartir entre preto de 100 cativos e cativas de diferentes idades, dobrando a cifra de 2019. As persoas interesadas en obter máis información sobre a campaña poderán facelo chamando ao 986 872 401 ou enviando un correo a [email protected].

Comentarios