jueves. 01.10.2020 |
El tiempo
jueves. 01.10.2020
El tiempo

O BNG acusa de "deslealdade" ao PSOE de Vilaboa tras a renuncia do alcalde

Francisco Costa, nunha imaxe tomada no muelle de San Adrián. DP
Francisco Costa, nunha imaxe tomada no muelle de San Adrián. DP
No Bloque cren que "se trata máis dunha estratexia política, que dunha decisión persoal" e que é "premeditada desde hai meses"

A decisión do alcalde de Vilaboa, Francisco Costa Fernández, de renunciar ao cargo por "motivos persoais" enfadou ao BNG, socio no Goberno local deste municipio pontevedrés, ao decatarse ao mesmo tempo que a prensa, na noite do martes, da decisión do rexedor socialista. 

A pesar de que o rexedor o martes asegurou informar de forma persoal aos que eran os seus socios de goberno, os nacionalistas consideran que a forma de proceder é de "deslealdade" e, nun comunicado, anuncian a súa intención de convocar de maneira urxente unha comisión de seguimento do pacto de goberno, asinado en xullo de 2019. 

O BNG explica que de momento segue traballando no goberno "por respecto á veciñanza de Vilaboa", a pesar de que foron moitas as dificultades para desenvolver traballo político co outro grupo do goberno, pero xa anuncia que ao longo desta semana terán unha reunión coa militancia para analizar a situación derivada desta "decisión unilateral" de Francisco Costa e a súa continuidade no goberno. 

A asemblea local do BNG de Vilaboa sente os problemas de saúde que se dan no seo da familia de Francisco Costa e espera unha "recuperación satisfactoria da súa saúde e da dos seus familiares", pero cre que esas circunstancias non justifican a súa forma de proceder. 

O alcalde asegura que a pandemia da Covid-19 fixo máis difícil compatibilizar a súa vida profesional co cargo político, pero os seus socios nacionalistas cren que é "unha escusa sen fundamento", xa que no pacto de goberno asinado o BNG aceptou a dedicación exclusiva do alcalde co fin de que a súa dedicación fose plena para o concello. 

Así, cren que "o alcalde debía saber o que implica o cargo" e critican que no último ano "non vén exercendo, nin dedicando tempo á Alcaldía". Aseguran que as súas ausencias no concello foron manifestas para os seus socios e para a veciñanza. 

No Bloque cren que "se trata máis dunha estratexia política, que dunha decisión persoal" e que é "premeditada desde hai meses" e basean esa afirmación nesa suposta falta de dedicación e tamén en que a decisión se tomou xusto cando a tenente de alcalde anunciara que collería vacacións.

RESPOSTA DO PSOE. Despois de coñecer o comunicado do BNG, o PSdeG-PSOE respondeu ao seu socio de goberno afirmando que non entende a súa reacción "ante a conversación sincera" que, segundo apuntan, mantiveron o martes con eles "antes que con ninguén", reiterando que os nacionalistas foron os primeiros en ser informados da renuncia do alcalde polo que critican que agora "opten por abonarse a teorías da conspiración". 

Segundo a versión do PSdeG-PSOE nesa reunión falaron da necesidade de resolver de maneira rápida a interinidade que provoca non ter alcalde para que cando empece setembro xa teñan o goberno a pleno rendemento. 


Finalmente, os socialistas aseguran sentirse "orgullosos" do traballo que o alcalde fixo durante estes 13 meses un "esforzo brutal que fixo Kiko Costa que lle pasa agora factura e por iso é máis incomprensible que quen debería estar a axudar estea a criticar", cuestiona o Partido Socialista. 

O BNG acusa de "deslealdade" ao PSOE de Vilaboa tras a renuncia do...
Comentarios